París 2024 | Piragüismo

Pablo Crespo Penas, o ADN olímpico e un soño moi vivo: "Non empecei ben, pero agora teño ganas de ir a por todas"

O padexeiro pontevedrés Pablo Crespo Penas, esta cuarta feira, en Vaires-sur-Marne. (Foto: Yuri Carrazoni Mier)
O padexeiro pontevedrés, fillo dos olímpicos José Manuel Crespo e Ana María Penas, devolve os apelidos da súa familia a uns Xogos 24 anos despois consciente de que non parte como un dos favoritos pero coa máxima ambición despois da súa soberbia actuación na repesca para coarse nas semifinais do C1 1.000m, a modalidade que quedou orfa de galegos cando se retirou David Cal en 2012.

Levar os apelidos Crespo Penas supón unha responsabilidade para alguén como Pablo (Pontevedra, 2002), que se estreou na súa primeira cita olímpica esta cuarta feira, 24 anos despois de que a súa nai, Ana, e o seu pai, José Manuel, participasen nos seus últimos Xogos —os terceiros para ela, os segundos para el—. O olimpismo percorre as veas dun Pablo Crespo que, ademais, é o primeiro padexeiro galego en subir á canoa no C1 1.000m desde a retirada de David Cal. Pero todo iso apenas preocupa a este mozo pontevedrés, que non veu a París a repetir a historia de Cal nin a dos seus proxenitores.

"Simplemente me dixeron que faga o que eu vexa correcto e que me sinta como me teña que sentir. Se eu pregunto, responden, pero non me aconsellan demasiado [os pais]. Deixan que faga o meu camiño", sinalou esta cuarta feira en conversa con Nós Diario unha vez certificado o pase a semifinais. Non chegou á primeira, pois na serie preliminar quedou encadrado con nada menos que os vixentes campións olímpico, o brasileiro Isaquias Queiroz, e mundial, Martin Fuksa, que non tardaron en distanciarse no resto, polo que Crespo, dado que só dous obtiñan o billete directo, avogou por reservar as forzas para a repesca.

Acabou cruzando a meta último a 11 segundos de Queiroz, pero pouco ou nada importaba iso para o galego, que xa tiña a súa estratexia en mente. "O plan era ese, porque con eles dous non me podía permitir lanzar un petardo e logo chegar gastado. Pero, en todo caso, tampouco me notei moi ben", explicou.

E nesa repesca na que precisaba de novo ficar entre os dous primeiros para pasar de rolda, e á que chegaba co cuarto peor tempo dos cinco participantes, saíu como unha bala para se situar en cabeza e marcar distancia co resto. Só o italiano Carlo Tacchini foi quen de aguantar o seu ritmo. Nos últimos 200 metros outro italiano, Nicolae Craciun, que chegaba a esta repesca co mellor tempo na rolda eliminatoria, pisou o acelerador para intentar alcanzar o pontevedrés, mais non cedeu e rematou a regata segundo cun tempo de 3:50.24, un segundo máis lento que Tacchini pero tres máis rápido que Craciun.

O resultado colleu por sorpresa ao propio Crespo: "Está feo que o diga un deportista, pero o certo é que confiaba ben pouco porque non me vira ben na eliminatoria. Na repesca intentei ir máis centrado e facer o meu, e ao final conseguino", admitiu. E de cara ás semifinais, a pesar de que este resultado "quede moi ambicioso", é consciente de que deberá competir contra rivais "moi bos". "Sempre tes a ambición de chegar á final A [polas medallas], pero estar agora en semifinais é xa máis que o obxectivo que nos puxeramos", precisou.

Polo de agora Pablo Crespo non puido vivir a 100% a experiencia olímpica, pois permanece aloxado nun hotel fóra da Vila, algo que tamén agradece para descansar ben e centrarse na competición. En calquera caso, o ambiente no estadio náutico asombrouno: "É todo máis mediático, o público empurra moito... é algo bestial que non se vive noutras regatas. Quitárame un pouco as ganas esa primeira rolda, pero agora teño ganas de comermo todo", salientou.

Crespo, tras os pasos dun David Cal que perde o récord

As series clasificatorias levaban implicitamente o nome da gran lenda do olimpismo galego, o cangués David Cal. Após Londres 2012 deixou orfo de galegos o C1 1.000m logo de conseguir un ouro e dúas pratas —e a maiores outras dúas no C1 500m— até que Crespo subiu esta cuarta feira á canoa.

Pero o pontevedrés, que leva a humildade por bandeira, non gosta desas comparacións: "Non lle chego á sola dos zapatos, está a outro nivel. Non sei se algún día, nun futuro... pero tampouco penso moito a longo prazo. Aínda non estou pensando nin en Los Angeles 2028, porque este ano nin pensaba en París".

David Cal, ademais, fixou en Atenas 2004 un novo récord olímpico nesta proba... que precisamente esta mesma cuarta feira, cousas do azar, bateu na súa manga o romanés Cătălin Chirilă (3:44.75).