Parlamento

O Parlamento fecha a porta a que as seleccións galegas compitan oficialmente

Argimiro Marnotes, do PP. (Foto: Parlamento da Galiza)
O BNG pide que a seleccion galega poida competir oficialmente e o PP acúsao de "querer que desapareza a selección española".

Non a recoñecer e impulsar as seleccións galegas nas diferentes disciplinas deportivas para que poidan competir oficialmente; e non a impulsar coas diferentes federacións un calendario de competicións estábel para os diferentes combinados nacionais. Dupla negativa esta terza feira do Parlamento galego da man do PP e do PSdeG ás dúas propostas que figuraban na proposición non de lei do BNG. 

Iago Suárez (BNG) apelou ao ambiente vivido o pasado 31 de maio en Balaídos no partido da Irmandiña contra Panamá para introducir o debate, defendendo unha selección galega que puidese estar presente en competicións oficiais, como xa acontece con Gales ou Escocia.

"Ademais, existen precedentes como é o caso do fútbol gaélico. Nese deporte, a selección nacional galega compite oficialmente ademais colleitando magníficos resultados e sendo un verdadeiro orgullo para o noso país", dixo o nacionalista.

Non convenceu Suárez a PP e PSdeG. A socialista Paloma Castro se ben defendeu recuperar as seleccións galegas ("é un fenómeno de cohesión social e de identidade colectiva"), que estas poidan competir oficial e internacionalmente xa é outra cousa.

"O deporte debe servir para unir e non separar", dixo, e limitou a posibilidade da oficialidade a un acordo co Consello Superior de Deportes español e naquelas disciplinas nas que Galiza estea nunha federación internacional antes de constituírse a federación española correspondente. 

Argimiro Marnotes, deputado do PP, foi máis directo na súa intervención. Acusou o nacionalismo de procurar, con esta proposta, "buscar cumprir o seu desexo de que desaparezan as seleccións españolas".