Galiza-Panamá

CRÓNICA | A selección galega non pode cunha dura Panamá

A selección galega de fútbol perdeu o seu primeiro partido na denominada 'era moderna', época da que marca o punto de inflexión o histórico encontro ante o Uruguai no Nadal de 2005 e que puxo fin á longa noite de pedra de máis de seis décadas sen encontros da Irmandiña. O combinado nacional, lastrado polas ausencias de varios dos seus homes máis importantes, incluído un Iago Aspas mancado no quecemento, non puido cun conxunto 'canaleiro' que xogou coa intensidade dun partido oficial.
A selección galega xogou o seu último encontro o pasado 31 de maio de 2024 ante Panamá. (Foto: RFGF)
photo_camera Galiza caeu ante Panamá por dous goles a cero. (Foto: RFGF)
Galiza: Iván Villar (Ratón, '32)(Vieites, '60); Carreras (Miguel, '45), Fornos (Hugo Bueno, '45), Domínguez (Novoa, '74), Jonny (Taibo, '45); Sotelo (Kevin, '60), Álex López (Villares, '60); Losada (Chacón, '74), Héber Pena, Lemos (Loureiro, '45); Lucas Pérez (Manu Justo, '32).
Panamá: Mosquera (Roberts, '80), Fariña (Ramírez, '80), Roderick (Blackaman, '45), Martínez, Bárcenas (Núñez, '60), Góndola (Lenis, '60), Welch (Stephens, '60), Davis (Brown, '45), Andrade (Krug, '45), Guerrero e Murillo (Ormán, '45).

Algún día tiña que pasar. A selección galega perdeu no encontro que disputou esta sexta feira ante Panamá (0-2) en Balaídos, nun choque que puxo fin tanto a oito anos de ausencia da Irmandiña como á xeira de imbatibilidade que ostentaba desde o seu regreso á acción en 2005.

O partido, certo é, non puido empezar de peor maneira, pois a Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) oficializou xusto antes do comezo do mesmo que Iago Aspas, o ídolo local no que sería o seu debut coa Irmandiña no 'súa' casa, causaba baixa de última hora debido a unhas molestias durante o quecemento, privando así á afección de velo facer parella en ataque co deportivista Lucas Pérez.

O seu sitio no once inicial escollido por Diego Martínez ocupouno un ex compañeiro do de Moaña no Celta, Iker Losada, acompañante na parcela ofensiva de Héber Pena e un Lucas Pérez reforzados no medio campo con Álvaro Lemos, Hugo Sotelo e Álex López, mentres que a defensa foi responsabilidade de Jonny Otto, Quique Fornos, Carlos Domínguez e Álvaro Carreras, ocupando a portería Iván Villar.

No combinado centroamericano, pola súa parte, o seu adestrador, Thomas Christiansen, optou por un equipo no que tan só cambiou tres pezas con respecto ao duelo no que rañou un empate (2-2) ante a poderosa selección de Catalunya tan só dous días antes.

Con ese aval, os canaleiros saltaron ao céspede de Balaídos para demostrar que o resultado obtido no Estadi de la Nova Creu Alta ante os Bellerín, Mingueza, Éric García e compañía non foi froito da casualidade, confirmando, ao mesmo tempo, que non viaxaron até a Galiza para xogar unha pachanga, como axiña puideron dar fe as canelas dos futbolistas galegos.

Así, e tras uns intres de tenteo mutuo, Panamá, a pesar de que o balón estaba en posesión galega a meirande parte do tempo, comezou a gozar de ocasións para pór en apuros a Iván Villar, que protagonizou unha extraordinaria intervención no minut0 19 detendo co peito un disparo de Eduardo Guerrero, que quedara só ante o de Cangas.

Agresividade e goles

Pouco despois, no 25, chegaría o primeiro tanto dos da camiseta vermella, logo dun penalti cometido por Jonny Otto e que o seu capitán, Eric Davis, tivo que materializar por dúas veces após considerar o árbitro que no primeiro lanzamento os contendentes invadiran a área grande.

Tiveron o empate nas súas botas no '30 un Lucas Pérez moi aplaudido polo público presente no coliseo olívico -aproximadamente 18.000 persoas, das cales moitas non puideron asistir aos intres iniciais do xogo dadas as largas colas nos accesos que moitas usuarias das redes sociais achacaron a unha certa desorganización- e Manu Justo nun man a man no '36, mais, facendo bo ese vello tópico futbolístico de "quen perdoa, paga", foron os panameños quen perforaron de novo a portería galega, logo de que Roderick Miller aproveitase un desaxuste defensivo á saída dun córner no minuto 40.

Esforzo sen premio

No segundo tempo multiplicouse o carrusel de cambios por parte de Martínez e Christiansen, dando entrada logo do intermedio, por parte galega, a Hugo Bueno, Miguel Rodríguez, Lucas Taibo e Miguel Loureiro.

Non obstante, o seu descaro e xuventude -tan só o último supera os 21 anos de idade- non foi suficiente para darlle a volta ao partido, pois os canaleiros seguiron exhibindo a mesma vocación ofensiva que na primeira metade e gozaron das mellores ocasións para perforar a portería defendida por Álvaro Ratón entre os minutos 32 e 60, momento no que deixou a portería en mans de Fran Vieites.

Con todo, Carlos Domínguez, Manu Justo e Rodríguez tiveron as súas oportunidades nunha Galiza cada vez máis ofensiva a medida que o electrónico de Balaídos ía achegándose ao minuto 90, chegando o anhelado gol no '78. O autor foi Novoa, logo de aproveitar o centro dun Rodríguez moi activo, pero Alejandro Muñiz Ruiz considerou erroneamente que estaba en fóra de xogo e procedeu á súa anulación, provocando as iras duns seareiros e seareiras que asistiron impotentes aos desesperados intentos galegos de obter un empate que nunca chegou.

Comentarios