Rubén Gomez gaña a segunda edición do trail da Costa da Morte Os Nosos Faros

Tres corredores deixando atrás o Faro de Punta Nariga. (Foto: Asociación Os Faros da Vida).

Rubén Gómez Lamas alzouse como gañador da segunda edición do Trail Costa da Morte Os Nosos Faros, onde participaron máis de 120 corredores.

Ruben Gómez Lamas completou o percorrido de 29 quilómetros en 2 horas, 26 minutos e 5 segundos, marcando un tempo que sorprendeu á propia organización. A continuación cruzaron a meta Marcos Antonio Pascual Fidalgo e Amador Pena Torreira, nunha proba que destacou pola súa velocidade.

A vencedora en categoría feminina foi a moza de Dozón Tamara García Rodríguez, que rexistrou un tempo de 3 horas, 7 minutos e 22 segundos. Tras dela situáronse as atletas de Cangas de Morrazo e de Cervo, Carolina Niño e Carla Trillo.

Juan Carlos Rodríguez, responsábel da Asociación Os Faros da Vida, entidade organizadora da proba, destacou a Nós Diario “ a alta participación nesta edición da carreira, que quintuplicou a da primeira edición” así como “o seu carácter inclusivo, coa participación do invidente Iván Segade”. 

A proba desenvolveuse nunha xornada de chuvia intermitente, onde mandou o característico orballo da Costa da Morte, que dotou aínda de máis dureza a unha competición que como en anteriores ocasións saldouse sen incidencias para os participantes na carreira.

O trail ‘Os Nosos Faros' percorre 18,2 quilómetros, partindo do Faro de Punta Nariga (Malpica) transcorre polo porto e o areal de Barizo, a praia de Seiruga, Beo, Cabo de San Hadrián e o paseo marítimo de Malpica. Segundo Rodríguez, trátase dun "escenario único", fronte ao "ao máis salvaxe Atlántico, sen nada de interior, practicamente no mesmo cantil, a carón do mar".

A carreira destaca pola súa dureza. Neste punto, Rodríguez sinala que “é un proba moi dura, con subidas e baixadas case que verticais, o que converte a carreira en moi técnica”. Na mesma dirección, indica que “é un percorrido para xente moi experimentada”.

Campionato galego de trail

A Asociación Os Faros da Vida xa traballa na preparación da carreira do ano que vén. Nesta dirección,Rodríguez explica que “agardamos o vindeiro ano acoller aquí en Malpica o campionato galego de trail”.

Rodríguez non ten dúbida das chaves do éxito desta proba. Así, significa que “é unha rota salvaxe nun escenario incomparábel, presenta a singularidade da Costa da Morte e ademais, damos aos participantes un agasallo gastronómico”.