París 2024

O soño plausíbel do deporte galego: estas son todas as opcións de medalla (e os prognósticos)

Vista aérea do río Sena á altura da ponte de Alexandre III e a praza da Concordia, esta cuarta feira. (Foto: Sina Schuldt / DPA vía Europa Press)
As tres pratas e tres bronces de Toquio 2020  supuxeron todo un fito para o olimpismo galego. Un éxito sen precedentes que agora unha trintena de representantes do país aspiran a pulverizar para situar así o nome da Galiza na parte noble do medalleiro de París 2024. Piragüismo e remo, dous deportes nos que non sorprende ver galegos no alto do podio, preséntanse como as principais bazas.

Ter en París a maior representación da historia supón tamén apuntar máis alto que nunca, e por iso non se fala estes días doutra cousa que de superar as seis medallas conseguidas por deportistas da Galiza en Toquio —tres pratas e outros tantos bronces—, cando se superou no medalleiro a países da envergadura de Arxentina, México ou Portugal. Un obxectivo que pode parecer demasiado ambicioso, pero que vai na liña dos recentes éxitos do deporte galego... e tamén dos principais prognósticos para as Olimpíadas.

Tanto o xornal L'Équipe como a revista Sports Illustrated acreditan no potencial da Galiza e concédenlle até nove metais, no primeiro caso, ou sete, no segundo. O principal diario deportivo de Francia prevé un total de dous ouros, dúas pratas e cinco bronces para a delegación do país. De acordo co seu prognóstico, ao máis alto do podio subiría a futbolista pontevedresa Teresa Abelleira da man da selección española de fútbol, actual campioa do mundo e da Liga das Nacións da UEFA.

Tamén vencería na súa proba o equipo estatal de remuda mixta de marcha en distancia de maratón, do que forma parte Antía Chamosa, natural tamén da cidade do Lérez —se ben a súa participación na proba aínda non está garantida—. Nestes dous éxitos coincide tamén Sports Illustrated, e sobe a aposta: ouro tamén para o judoka Fran Garrigós —nado en Móstoles (Madrid) pero considerado deportista galego de alto nivel—, actual campión europeo e mundial en -60 kg.

Á hora de repartir as pratas, as quinielas difiren, pois se ben L'Équipe cre que serán para o boxeador Enmanuel Reyes Pla —orixinario de Cuba mais nacionalizado e afincado na Coruña— en -92 kg e o K4 500 de piragüismo feminino, formado pola sempiterna Teresa Portela —a canguesa vai polos seus sétimos Xogos con 42 anos—, a pontevedresa Carolina García, a asturiana —tamén deportista galega de alto nivel— Sara Ouzande e a estremeña Estefanía Fernández.

A revista deportiva estadounidense confía tamén no K4 500... mais no masculino, no que compiten o betanceiro Carlos Arévalo e o cangués Rodrigo Germade xunto aos recoñecidos Saúl Craviotto e Marcus Cooper —abandeirado do COE este ano canda a ourensá Támara Echegoyen—. A outra prata dálla ao C2 500 feminino da tamén pontevedresa Antía Jácome e a madrileña María Corbera.

E nos éxitos de Jácome confían tamén os franceses por partida dobre, pois cren que obterá o bronce nesta proba e mais no C1 200, a outra na que compite. Tamén estiman o terceiro posto para o K4 500 masculino, para Fran Garrigós e mais para o dúo que forman no dobre scull de remo o catalán Aleix García e o moañés Rodrigo Conde, quen renunciou aos Xogos de Toquio e á categoría lixeira por motivos de saúde e volveu na absoluta máis forte que nunca, con dúas pratas europeas e unha mundial nos últimos dous anos.

No caso de Sports Illustrated, os bronces serían tanto para o tándem Conde-García en remo como para o veterano porteiro cangués Rodrigo Corrales, que xa se fixo en Toquio con este mesmo metal.

Máis opcións de medalla

Malia ficar excluída destas quinielas non podemos esquecer Ana Peleteiro, unha das principais bazas do deporte galego. En Toquio conseguiu un merecido bronce sendo superada só por dúas atletas que non estarán en París por non se recuperaren a tempo das súas lesións: a venezolana Yulimar Rojas e a portuguesa Patricia Mamona. Aínda así, á ribeirá saíronlle novas (e moi duras), se ben nunca pode subestimarse a Peleteiro, que o pasado xuño conseguiu en Roma o seu primeiro ouro europeo —ao ar libre— coa segunda mellor marca da súa carreira, 14,85, só superada (por apenas dous centímetros) pola que asinou hai tres anos nos Xogos. Agora, con todo, terá duras rivais como a xamaicana Shanieka Ricketts, a dominiquesa Thea LaFond, a ucraína Maryna Bekh-Romanchuk ou a cubana Leyanis Pérez, todas elas con marcas que se achegan e mesmo superan o duro limiar dos 15 metros, que Peleteiro deberá intentar alcanzar para optar ao podio.

Tampouco pasará desapercibida a actuación do noiés Caetano Horta no dobre scull lixeiro de remo, que após estrearse en Toquio cun diploma coa maioría de idade recén cumprida aspira a todo en París co catalán Dennis Carracedo... e así llo prometeu aos seus veciños e veciñas —"estade moi atentos o 2 de agosto porque conseguirei a miña primeira medalla olímpica"—.

E sen saír da auga non podemos esquecer a nadadora María de Valdés —andaluza afincada na Coruña e deportista galega de alto nivel—, actual subcampioa do mundo en 10 km augas abertas, nin ao padexeiro tomiñés Manu Ochoa, gañador da Copa do Mundo de Praga na novidosa proba de caiac kross, así como a primeira campioa olímpica galega —en Londres 2012, canda Sofía Toro—, a regatista Támara Echegoyen.

Tamén haberá que prestar unha especial atención ao tatami cando compita o xeorxiano-vigués Niko Sherazadishvili, bronce mundial en -90 kg este ano en Abu Dabi, así como o catalán David García —deportista galego de alto nivel—, subcampión de Europa en -66 kg, ou a madrileña Laura Martínez —ídem—, bronce europeo en -48 kg.

Excluíndo os deportes de equipo, Galiza foi o territorio do Estado que máis medallas achegou en Toquio ao COE, en catro probas de catorce nos que se subiu ao podio. E, en total, sete dos 25 deportistas do país —en seis probas— regresaron cun metal pendurado do pescozo, o que se traduce nunha taxa de éxito de 28%. De conseguírense agora os arredor de oito que aparecen nos prognósticos significaría o triunfo de unha de cada catro atletas galegas. Unhas cifras que espertarían a envexa de boa parte dos países que copan os postos máis altos do medalleiro olímpico edición tras edición.

Alicia Fernández, baixa

A estrea do deporte galego terá que agardar até o sábado. A selección española feminina de balonmán debuta hoxe (14 horas) contra Brasil, mais esta cuarta feira caeu da lista a valdoviñesa Alicia Fernández, que xa era dúbida antes de viaxar a París por lesión. Con todo, de superar as molestias podería reincorporarse máis adiante.