Susana Rodríguez Gacio, medalla de ouro en tríatlon

A viguesa Susana Rodríguez Gacio, á dereita, e a súa guía Sara Pérez, medalla de ouro en Paris 2024. (Foto: @Paris2024).
A triatleta viguesa, xunto a Sara Pérez, amosou a súa superioridade na proba de principio a fin e proclamouse campioa paralímpica por segunda vez.

A triatleta galega Susana Rodríguez Gacio proclamouse esta segunda feira  dobre campioa paralímpica tras lograr a medalla de ouro na proba de tríatlon para deportistas con discapacidade visual dos Xogos de París.

A deportista foi a gran dominadora na capital francesa, como xa fixera hai tres en Toquio, entón acompañada por Sara Loehr. Nesta ocasión, con Sara Pérez, foi a mellor en natación, ciclismo e na carreira a pé, para gañar con moita autoridade o seu segundo ouro paralímpico.

A triatleta viguesa cruzou a meta con 2'24'' de vantaxe sobre a italiana Francesca Tarantello e 4'02'' sobre a alemá Anna Renner. Desde o inicio da proba non deu opcións ás súas rivais. 

Dominio absoluto

Lembrando a competición que realizou en Toquio, a galega dominou todo o tempo en non deu oportunidades ás súas rivais. Nun día solleiro e con temperaturas agradábeis, a proba comezou e rematou na ponte Alexandro III, un lugar preparado para a ocasión con bancadas laterais para o seguimento do público. Iniciada a competición, Rodríguez conseguiu, xunto coa súa guía, liderar en todo momento o apartado de natación e deixar atrás a todas as súas rivais tras saír da auga do Sena, con 26 segundos de vantaxe sobre as italianas Anna Barbaro e Charlotte Bonin, e 33 respecto a as francesas Annouck Curzillat e Julie Marano. Era o primeiro segmento de 750 metros de natación, a favor e contra a corrente, dun río aínda controlado polas autoridades ante o risco de contaminación. 

Despois viñeron os 20 quilómetros de ciclismo, con 1.500 metros iniciais aos que se sumaron cinco voltas a un circuíto que tiña 3,7 quilómetros de traxecto. Neste percorrido sobre as dúas rodas, a parella galega ampliou a súa vantaxe no tramo ciclista, onde as italianas Francesca Tarantello e Silvia Visaggi necesitaron para rematalo 2’24” máis. 
E xa para rematar, na carreira a pé, Rodríguez e Pérez, nos cinco quilómetros de carreira finais (1.100 metros seguidos por tres voltas a un circuíto de 1,3 quilómetros que transcorreron todo o tempo pola beira oposta do Sena) cruzaron a liña de meta parando o cronómetro oficial destes Xogos en 1:04'19", tamén por diante de Tarantello e Visaggi (1:06'43"), e das alemás Anja Renner e Maria Paulig (1:08"21). 

Nervios e orgullo

Ao remate da proba, Rodríguez mostrouse, en declaracións aos medios, “súper feliz” ao disputar desta vez unha “carreira con público”, algo que non foi posíbel nos anteriores Xogos Paralímpicos ante a emerxencia sanitaria creada pola pandemia da Covid-19. “Foi brutal o do público", relatou, "case non podía escoitar as instrucións de Sara polo ruído que había", asegurou. A galega admitiu que foi "un orgullo poder estar aquí coas nosas familias e os nosos amigos, e poder terminar no máis alto”.
Rodríguez non agochou que esta semana pasou “moitos nervios” pola suspensión desde o domingo desta proba debido a condiciónelas da auga do Sena tras as choivas caídas en París. Tampouco deixou de recoñecer  que sentiu “moitísima responsabilidade por estar durante estes días na “mirada de todos”.

Con todo, restoulle importancia ás circunstancias que viviu asegurando que "vimos aquí a traballar, a pesar dos cambios de datas e dun circuíto que, para nós, quizais a priori, non era o máis beneficioso, xa que era unha natación dura e non é o meu mellor segmento". Por este motivo, Rodríguez celebra que "toda a incerteza que houbo ao redor da carreira fíxoa máis dura, pero agora gozarémolo máis, se cabe”.Aínda que quixo quedar nun segundo termo afirmando que "hoxe é o día de Susana”, Sara Pérez, pola súa parte, agradeceu o traballo das guías que a deportista viguesa tivo nos últimos anos e que facilitou que a súa compañeira competise en París “ao 100%”.

Comentando a proba, Pérez indicou que o circuíto de ciclismo era “moi difícil”, ademais logo de ter que asumir “unha responsabilidade moi grande despois da caída de fai tres meses”. Neste sentido, xogou a favor unha preparación exhaustiva, mesmo coñecendo o escenario da proba. “Viñemos en marzo a velo", descubriu, "e fixemos un traballo mental moi bo, tentado buscar condicións similares e tratado de adestrar o máis parecido a este circuíto”, concluíu. 

Rodríguez e os Xogos

A relación de Susana Rodríguez cos Xogos Paralímpicos comezou nos de Río 2016, cando o tríatlon pasou a formar parte dos xogos. Daquela saldou a súa participación cun quinto posto e diploma, xunto ao seu guía Miguel Gallardo, na súa categoría (a clase PTVI). En Toquio alzouse co ouro xunto á súa guía, Sara Loehr, e ademais, Rodríguez foi a primeira paralímpica estatal en participar en dúas disciplinas distintas. Neses mesmos Xogos sumoulle un diploma nos 1.500 metros clase T11.

A medalla de prata, a máis de dous minutos, foi para as italianas Francesca Tarantello e Silvia Visaggi, cun tempo de 1 hora 6 minutos e 43 segundos e o bronce para as alemás Anja Renner e Maria Paulig con 1hora 8 minutos e 21 segundos.

Terceiros xogos

Para a atleta galega, os de París 2024 son os terceiros Xogos despois da súa estrea en Río 2016, onde logrou unha quinta posición no debut paralímpico do tríatlon, e de proclamarse campioa paralímpica en Toquio.

No seu palmarés conta con cinco campionatos do mundo (2012, 2018, 2019, 2021 e 2022) e tres subcampionatos (2013, 2017 e 2023). Tamén gañou o título continental en catro ocasiones (2014, 2019, 2022 e 2023). Ademias, o ano pasado recibiu o Premio Nacional do Deporte en categoría absoluta, xunto ao tenista Carlos Alcaraz.