VÍDEO | O aeroporto de Alvedro tínguese de laranxa para recibir o Basquet Coruña

Xogadores do Basquet Coruña (Foto: Basquet Coruña).
56 anos e 5 días despois o Basquet Coruña volveu situar esta fermosa cidade galega na elite do baloncesto.

Máis de 200 seareiros e seareiras achegáronse este sábado ao aeroporto de Alvedro para dar a benvida aos xogadores do Basquet Coruña, que lograron esta sexta feira o ascenso á ACB, a máxima categoría do baloncesto estatal.

Despois da vitoria por 74-80 en Melilla, a bancada coruñesa non quixo perder a oportunidade de celebrar coa que xa é nova escuadra da elite estatal do baloncesto. A festa xa comezou na sexta feira unha vez que foi certificado o ascenso, mais continuará de forma oficial esta tarde na explanada de Riazor, a partir das 19.15 horas.

56 anos despois

Segundo lembraba o coñecido tuiteiro MisterChip, "o 5 de maio de 1968 o Bosco Revoltosa deulle á cidade da Coruña o seu primeiro ascenso á máxima categoría do baloncesto estatal. 56 anos e 5 días despois o Basquet Coruña volveu situar esta fermosa cidade galega na elite do baloncesto. Só engadir que, na mesma tempada na que ascendeu o Bosco, tamén o fixo o Dépor e é bastante posíbel que a historia se volva a repetir".

Ante este fito histórico foron numerosos os parabéns recibidios pola escuadra laranxa, tanto desde o eido político como desde o deportivo e social. O Dépor, que este domingo ten na súa man o ascenso á segunda división do fútbol estatal foi un dos equipos que reaccionou nas redes sociais a esta nova.

Breogán 

O Basquet Coruña compartirá máxima categoría co Breogán, que liderado polo base estadounidense Justin Robinson (23 puntos) e o croata Toni Nakic (17 puntos) certificou a súa permanencia na liga ACB tras encadear a súa terceira vitoria consecutiva contra o Andorra (97-92).

A Liga ACB baixa o pano da tempada o domingo ás 18.30 horas, cando o Obradoiro se xogará contra o Joventut a permanencia. O conxunto da capital galega depende do resultado do Granada ante o Gran Canaria, de perder os andaluces, o Obra poderase salvar de conseguir unha vitoria.