A PREVIA | O Deportivo pode fechar a súa década negra

Un triunfo sobre o filial do Barcelona outorgaríalle o ascenso directo á Segunda División.
Os futbolistas branquiazuis deberán ter na cabeza o lema que exhiben as bancadas de Riazor se queren evitar repetir erros anteriores. (Foto: RC Deportivo).
photo_camera Os futbolistas branquiazuis deberán ter na cabeza o lema que exhiben as bancadas de Riazor se queren evitar repetir erros anteriores. (Foto: RC Deportivo).

3.664 días. 87.216 horas. 5.232 960 minutos. Este é o tempo que transcorreu desde que un gol de Marchena ao Xaén ascendese o Deportivo a Primeira División en 2014, a última alegría dunha afección especialmente castigada polo infortunio e a mala praxe tanto sobre o céspede como nos despachos ao longo desta última década.

Mais o tempo de laiarse e botar contas rematou -nestas mesmas páxinas dos Deportes de Nós Diario calculábase a pasada terza feira que a escuadra herculina tiña 85% de opcións de lograr o ascenso directo-, agora toca certificar contra o Barcelona B (Riazor, domingo, 19 horas) que o Dépor é equipo de Segunda División.

Consciente da magnitude do desafío, toda A Coruña lanzouse en masa a apoiar o equipo da súa cidade, tinxindo balcóns e fiestras de branco e azul e organizando, da man de Riazor Blues, unha marcha deportivista ás 15.30 do día do partido desde o Campo da Leña até o estadio de Riazor, para exhibir, unha vez máis, "a fortaleza e o orgullo" do que fixo gala "perante as adversidades".

Ademais, a Federación de Peñas programou, ás 17 horas, un recibimento -"o máis grande de todos cantos se fixeron"- aos xogadores e corpo técnico diante da Porta 'O' do coliseo herculino.

Porén, se algo caracterizou estes últimos 10 anos negros do Dépor foron festas que remataron en drama -o abortado ascenso a Primeira o día de San Xoán en 2019, a derrota na casa co Albacete no play-off de 2022...-, polo que, como dicía o entrañábel Panoramix na película As 12 probas de Astérix, non debe "vender o xabaril antes de cazalo", pois diante terá un Fútbol Club Barcelona B que, a pesar da xuventude que caracteriza os pupilos do lendario Rafa Márquez, demostrou xornada tras xornada co seu xogo e os seus resultados que a súa privilexiada situación na táboa como único conxunto que pode ameazar o liderado do Deportivo non é froito da casualidade.

O Fortuna continúa loitando polo 'play-off'

O posíbel ascenso do Dépor opaca, en parte, os relevantes compromisos que deben afrontar o resto de bloques do país. Así, o Celta Fortuna continúa a súa pelexa por rematar en postos de play-off na súa casa fronte o Maxadahonda (sábado, 19 horas); o Arenteiro, xa sen opcións de promoción, quere gañar o Fuenlabrada en Madrid (sábado, 20 horas) para rematar a liga na posición máis alta posíbel; e o Lugo, virtualmente salvado, aspira a facerse cos tres puntos ante o Cornellá (sábado, 17 horas) para atar a permanencia.

O Rácing 'fala galego'

Movendo o foco á categoría de prata, o único representante da Galiza, o Rácing de Ferrol, aproveitará o encontro que o medirá co Alcorcón na Malata (sábado, 16.15 horas) para promocionar a campaña 'Aquí tamén se fala galego', unha iniciativa de dinamización lingüística no ámbito escolar que busca normalizar o emprego do galego en todos os ámbitos da vida pública, incluído o fútbol, e grazas á cal 100 dos alumnos e alumnas de centros educativos da contorna que participan no proxecto verán o partido de balde desde as bancadas.

Un empate, o obxectivo celeste no Metropolitano

Coa resaca aínda no corpo dos fastos da creación das Celtas, a flamante sección feminina do club, a entidade olívica retoma a realidade cotiá da Primeira División masculina para visitar o segundo campo máis difícil da competición: o Metropolitano.

Por iso, e tomando consciencia desa realidade, volver do duelo co Atlético de Madrid (domingo, 16.15 horas) cun punto no peto sería un paso adiante máis nunha conta atás pola permanencia que tamén obriga a ter un ollo posto no que aconteza no Cádiz-Xetafe que comezará dúas horas antes no Novo Mirindilla.

Comentarios