Alcoa terá o 100% da factoría da Mariña

Vista da factoría de Alcoa en San Cibrao, no municipio de Cervo, na comarca da Mariña (Foto: Joe McUbed).
A xunta especial de accionistas da multinacional aprobou mercar a empresa australiana Alumina Limited que mantiña 40% das accións da factoría de aluminio de San Cibrao, Cervo 

Os accionistas de Alcoa, cun apoio de 99% dos presentes en xunta especial, apoiaron esta cuarta feira adquirir a empresa australiana Alumina Limited -que ten 40% das accións da factoría de aluminio de San Cibrao, Cervo (A Mariña)-, o que suporá que a estadounidense Alcoa se faga con 100% da fabrica galega.

A través dun comunicado da multinacional, o presidente e conselleiro delegado de Alcoa, William F. Oplinger, destacou "o forte apoio" dos accionistas que "reflicte o seu recoñecemento deste paso estratéxico para mellorar a posición global de Alcoa como empresa líder na produción de aluminio".

A empresa presentará á Comisión do Mercado de Valores de Estados Unidos de América os resultados no prazo de catro días hábiles. 

A multinacional do aluminio asinara o pasado mes de marzo un acordo vinculante para a compra de Alumina Limited -por máis de 2.000 millóns de euros en accións-, polo que a multinacional estadounidense pasaría a facerse con 100% do complexo situado na Mariña.

Segundo as condicións acordadas nese momento, a transacción realizarase en accións e os accionistas de Alumina Limited recibirían unha contraprestación pola mesma de 0,02854 accións de Alcoa por cada acción de Alumina Limited.