O Estado español destinou máis de 1.000 millóns de euros a empresas militares israelís desde o comezo da ofensiva sobre Gaza

Benjamin Netanyahu e Pedro Sánchez, durante unha visita do segundo a Israel en novembro de 2023 (Foto: Belga / Europa Press).

Un informe, chamado 'Business as usual. Análise do comercio de armas español de 2022-2023 e argumentos para un embargo de armas a Israel', desvela que as relacións militares entre Madrid e Tel Aviv mantivéronse "no esencial".

O Estado español concedeu contratos valorados en 1.027 millóns de euros a empresas militares israelís e ás súas filiais españolas desde o 7 de outubro, cando comezou a actual ofensiva de Israel contra Palestina na Faixa de Gaza, segundo mostra un informe do Centre Delàs d'estudis per a pau.

O informe, chamado Business as usual. Análise do comercio de armas español de 2022-2023 e argumentos para un embargo de armas a Israel, céntrase no comercio de armas entre o Estado español e Israel e desvela que, "a pesar da extrema gravidade" da ofensiva israelí contra a Faixa de Gaza, as relacións militares entre Madrid e Tel Aviv mantivéronse "no esencial", como antes do 7 de outubro.

Os expertos e as expertas destacan que, ao contrario do que sucede coas exportacións, non existe un informe anual oficial de importacións por parte da Secretaría de Estado de Comercio e informan de que "boa parte do material de defensa de patente israelí fabrícase no Estado español, por parte de filiais de empresas israelís ou doutras empresas que os producen a través dun acordo de transferencia de tecnoloxía das empresas israelís".

"O Estado español seguiu adxudicando contratos a empresas militares israelís, ás súas filiais españolas ou a outras empresas a nivel estatal que fabrican produtos israelís con acordo de transferencia de tecnoloxía", explica o documento.

Influencia só sobre as exportacións

As relacións militares só se viron afectadas nas exportacións españolas, segundo o traballo, aínda que o Goberno estatal asegurou en repetidas ocasións que non se concederon novas licenzas de exportación de material de defensa a Israel desde a data mencionada. Aínda así, as exportacións continuaron, recalca o informe.

Os expertos do Centre Delàs d'estudis per a pau mencionan que, en novembro de 2023, a empresa Nammo Palencia exportou desde o Estado español 987.000 euros en municións a Israel. Tamén se exportou a Israel material de defensa correspondente a armas e municións e carros de automóbiles blindados de combate, mais a base de datos de Comercio sinala que este material ía ser reexportado a Filipinas.

As relacións entre o Estado español e Israel non se limitan ás importacións e ás exportacións de material de defensa, senón que se desenvolven nos ámbitos da adxudicación a empresas israelís de contratos de produtos e servizos para as Forzas Armadas ou os corpos de seguridade no Estado español.

Esta cooperación tamén consiste en colaboración empresarial entre empresas españolas e israelís para acceder a terceiros mercados; a colaboración entre universidades, empresas e institucións en proxectos de investigación e formación, no marco da Unión Europea (UE) ou o institucional en ambos os Estados ou en terceiros; así como a colaboración bilateral entre os dous Estados en materia de Intelixencia e Seguridade, e nun marco máis amplo da UE e a OTAN, segundo o informe.

A publicación tamén se ocupa de estudar a legalidade destas operacións e as posibilidades de impor un embargo de armas a Israel, e expón propostas de modificación da lexislación española sobre o control do comercio de armamento.

Exportación contraria á lexislación e "xenocidio"

Así, pon o foco en que a autorización de exportacións de armamento a Israel é contraria á lexislación na materia. Destaca o artigo 6.3 do Tratado sobre o Comercio de Armas, en virtude do cal o Goberno español debería denegar o outorgamento de novas autorizacións e revogar, ou polo menos suspender, as autorizacións de exportación a Israel outorgadas con anterioridade ao 7 de outubro de 2023 e que aínda se atopen en vigor.

"É moi probábel que Israel estea a cometer un xenocidio na Faixa de Gaza", di o informe, que agrega que o Convenio para a prevención e a sanción do delito de xenocidio impón aos Estados a obrigación de previr que aconteza. "Ademais, Israel está a cometer, sen ningunha dúbida, crimes de lesa humanidade e crimes de guerra", engaden.

"Ante esta situación de especial gravidade, o Goberno podería adoptar un embargo de armamento a Israel", recomendan. "Aínda que a Lei 53/2007 non prevé a posibilidade de que o Estado español impoña un embargo de armas, poderíase facer por medio dunha norma con rango de lei, incluíndo os decretos leis aprobados polo Goberno", aconsellan. Así mesmo, lembran que o artigo 8 da Lei 53/2007 "si recoñece expresamente" a posibilidade de denegar, suspender ou revogar as autorizacións de exportación de material de defensa.