A Xunta notifica nove novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica: as comarcas veterinarias afectadas pola EHE xa son 24

Vacas mortas polos efectos da enfermidade hemorráxica epizoótica nunha explotación do municipio de Xermade (A Terra Chá). [Foto: Carlos Castro / Europa Press]
Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Chantada e Terra Chá-Guitiriz, dous nas de Allariz e O Carballiño, e cinco focos nas da Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de montes.

A Xunta da Galiza notificou ao Ministerio español de Agricultura, Pesca e Alimentación a detección de nove novos focos de enfermidade hemorráxica epizoótica (EHE) en granxas galegas. Trátase de dous focos localizados nas comarcas veterinarias de Chantada e Terra Chá-Guitiriz, dous nas de Allariz e O Carballiño, e cinco focos nas da Paradanta, Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de montes.

Coas novas confirmacións, a Galiza ten notificados focos en 24 comarcas veterinarias (A Gudiña, A Limia, Allariz, Baixa Limia, Maceda, O Carballiño, Ourense, Terra de Caldelas, Terra de Celanova, Terra de Trives, Verín, Viana, Chantada, A Fonsagrada, Lugo, Os Ancares, Sarria, Terra Cha-Guitiriz, Terra de Lemos-Quiroga, A Paradanta, O Deza, O Condado, Pontevedra-O Morrazo e Tabeirós-Terra de Montes) neste período estacional de circulación do vector transmisor.

Desta maneira, o número de explotacións con casos confirmados en laboratorio sitúase en 524 e os animais que deron positivo nun total de 1.130. A EHE trátase dunha enfermidade infecciosa, mais non contaxiosa, producida por un virus que se transmite aos animais (e non ás persoas) a través da picadura dos mosquitos transmisores.

Competencia da Xunta nas axudas á gandaría

Neste contexto, o subdelegado do Goberno do Estado español en Ourense, Eladio Santos, reuniuse esta cuarta feira con José Ramón González, Félix Porto e Carlos Basalo, responsábeis de Unións Agrarias (UUAA), para abordar a evolución da EHE na Galiza.

Eladio Santos lembrou a súa preocupación persoal, ao igual que a do Goberno español, polo sector gandeiro, que "é clave e está a sufrir importantes perdas económicas". O subdelegado do Executivo estatal lembrou que son as autonomías, no caso da Galiza a través da Consellaría de Medio Rural, "as competentes en materia de gandaría" e que polo tanto "é a Xunta, en primeira instancia, a responsábel de activar axudas ao sector".