O pacto PSOE-PP outorga 60 millóns máis de gasto potencial á Xunta

O obxectivo de déficit fica en 0,6 por cento, unha décima menos que en 2016

En 2017 o déficit das comunidades autónomas poderá alcanzar o teito do 0,6 por cento do PIB respectivo, segundo o acordo alcanzado onte no Consello de Política Fiscal e Financeira. É un axuste dunha décima sobre o 0,7 por cento deste ano, máis está unha décima por cima da proposta inicial de Montoro. O 0,6 é produto dun acordo PP-PSOE. A Xunta poderá incrementar a súa capacidade de gasto en 60 millóns de euros.

CPFF
photo_camera Un momento do CPFF

Pódese vender como unha decisión de política orzamental expansiva -ao se incrementar o limiar do déficit unha décima, desde a proposta inicial do Ministerio de Facenda-, mais na realidade é que se vai producir un axuste a respeito de 2016, exercicio en que o déficit público das comunidades autónomas, inicialmente formulado para o 0,3 por cento, se colocou no 0,7 por cento.

Certo é que o ponto de partida do PP, e da Xunta, é que o axuste ía ser maior e de facto o goberno galego aprobará esta sexta feira un proxecto de orzamentos co 0,5 por cento de déficit. O conselleiro de Facenda, Valeriano Martínez, dixo esta quinta feira, ao termo do Consello de Política Fiscal e Financeira, que á Xunta lle valía perfeitamente o 0,5 por cento, mais que esa décima de gañancia até o 0,6 por cento abría unha marxe que eventualmente podería ser aproveitada.

En termos económicos pasar do 0,5 ao 0,6 do déficit supón pór en mans do goberno galego, potencialmente, 60 millóns de euros máis, que se financiarían integramente vía débeda.

PSOE e PP acordan tamén elevar o SMI até os 707,6 euros (en 14 pagas), un incremento de 8 por cento

O CPFF non só aprobou o obxectivo de déficit para 2017, senón tamén para 2018 -o 0,3 por cento- e 2019 -o equilibrio total, o 0. En todo caso, estes díxitos son tendenciais e a experiencia indica que facilmente revisábeis. 2016 comezou cun obxectivo de 0,3 por cento e en marzo, co goberno aínda en funcións, foi revisado para o 0,7 por cento. 

O acordo negociado por PSOE e PP non só atinxiu o déficit, senón que tamén se estendeu á elevación do salario mínimo interprofesional, que experimentará un incremento de 8 por cento en 2017, até se situar nos 707,6 euros (en 14 pagas) face os atuais 655,20.

Aliás, este aumento dista en case 100 euros do contido literal da proposición de lei de elevación do SMI cuxa toma en consideración aprobou días atrás o Congreso a iniciativa de Unidos Podemos

Con estas concesións do PP, o PSOE non bloqueará no congreso o teito de gasto e ábrese, alén do máis, a hipótese dunha negociación que poda desembocar inclusive nun acordo orzamental.

A fixación do déficit das comunidades autónomas no 0,6 por cento foi votado afirmativamente por todas as comunidades autónomas gobernadas polo PP, a comezar por Galiza, e contou coa abstención das lideradas en solitario polo PSOE. Só foi votada en contra por Valéncia e Baleares -con gobernos socialistas e das confluencias- e Catalunya. O Govern estivo finalmente presente no CPFF e cunha potente representación, a do vicepresidente Oriol Junqueras. A posición catalá estaba a anos luz da proposta inicial de Montoro e do acordo final PP-PSOE ao demandar un incremento do déficit na contorna de 1,18 por cento, un teito, este si, verdadeiramente expansivo. Aliás, aínda foi maior a demanda de Valéncia, que pedía un desaxuste entre ingresos e gastos de 1,4 por cento.

Até onde se poderán endebedar as comunidades autónomas?

O CPFF marcou tamén os obxectivos de débeda pública para as CC AA. Fican tal e como segue: 24,1 por cento en 2017, 23,6 por cento en 2018 e 22,7 por cento en 2019. A administración galega está aínda moi por debaixo deses patamares. Con dados de 2015, a Xunta adebeda neste momento 10.375 millóns de euros, o 18,70 por cento do PIB do país.

Comentarios