Os prezos baixaron en xullo 0,5% con respecto a xuño a nivel estatal

Unha muller facendo a compra nun supermercado (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press).
O INE publicará os datos definitivos do IPC de xullo o próximo 13 de agosto, que si incluirán o dato desagregado para a Galiza, que en xuño experimentou a taxa interanual de suba de prezos máis alta do conxunto do Estado español.

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) baixou no Estado español 0,5% en xullo en relación ao mes anterior e recortou seis décimas porcentual a súa taxa interanual, que ficou en 2,8%, segundo os datos avanzados esta terza feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE).

O INE publicará os datos definitivos do IPC de xullo o próximo 13 de agosto, que si incluirán o dato desagregado para a Galiza, que en xuño experimentou a taxa interanual de suba de prezos máis alta do conxunto do Estado español.

O organismo explicou que a moderación do IPC a 2,8%, o seu menor nivel desde o pasado mes de febreiro, débese ao abaratamento da electricidade e dos alimentos e, en menor medida, ao lecer e a cultura, cuxos prezos subiron menos en xullo deste ano que no mesmo mes de 2023.

Co descenso do IPC interanual no sétimo mes do ano, a inflación encadea dous meses consecutivos de descensos da súa taxa interanual despois das subas experimentadas en marzo, abril e maio. Ademais, trátase do primeiro descenso en termos mensuais desde novembro de 2023.

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente (sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos), que en xullo igualou a taxa xeral do IPC, de 2,8%, tras ceder dúas décimas porcentuais respecto a xuño. En termos mensuais (xullo sobre xuño).

Avance do PIB

A economía española creceu 0,8% no segundo trimestre do ano, o mesmo que no trimestre anterior, e acelerou tres décimas porcentuais o seu avance interanual, de 2,9%, segundo o avance de datos de Contabilidade Nacional publicado esta terza feira polo INE.

Durante o segundo trimestre do ano, o consumo dos fogares creceu 0,3%, unha décima porcentual menos que no trimestre previo, en tanto que o gasto público subiu 0,2%, en contraste co retroceso de 0,6% do trimestre anterior. O investimento, pola súa parte, aumentou 0,9% entre abril e xuño, desacelerando en 1,7 puntos porcentuais o seu crecemento respecto ao rexistrado no primeiro trimestre do ano.