O Banco de España afirma que a inflación estatal será de 3% este ano

O organismo bancario presentou esta terza feira un informe no que analiza a economía estatal até 2026.
Estabelecemento de alimentación en Santiago de Compostela (Foto: Nós Diario).
photo_camera Estabelecemento de alimentación en Santiago de Compostela. (Foto: Nós Diario).

O Banco de España prevé que o Índice de Prezos de Consumo (IPC) se situará en 3% en 2024, tres décimas máis respecto a pasada previsión; en 2% en 2025, unha décima máis; e 1,8% en 2026, outra décima máis. Esta é a estimación que partiu dun informe elaborado por este organismo que presentou esta terza feira. 

En todo caso, o estudo apunta que, para os próximos trimestres, seguirase moderando a inflación dos alimentos e a inflación subxacente prolongarase. En concreto, a inflación dos alimentos diminuirá desde unha media anual de 11,1% en 2023 até 4,5% en 2024 para chegar  até taxas na contorna de 2,5% en 2025 e 2026. 

Por outra parte, a inflación subxacente descenderá desde unha media anual de 4,1% en 2023 até o 2,6% en 2024; e até taxas próximas a 2% en 2025 e 2026. Esta evolución ten en conta, entre outros aspectos, a reversión da rebaixa do IVE dos alimentos a partir de xullo de 2024 -se o Goberno español decide non prorrogar esta medida- que exercerá unha certa presión á alza sobre estes prezos na segunda metade do ano, advertiu o organismo.

A entidade, ademais, elevou catro décimas a súa previsión de crecemento do Produto Interior Bruto (PIB) para o Estado este ano, desde 1,9% a 2,3%, mentres que mantivo as súas estimacións para 2025 e 2026, en 1,9% e 1,7%, respectivamente. 

En relación ao desemprego, a entidade afirma que aínda permanecerá por enriba de 11% en 2026, mais poderá manter unha senda descendente pasando de 11,6% en 2024, a mesma taxa que tiña a anterior previsión, 11,3% en 2025.

Comentarios