O IPC sobe tres décimas en maio, até 3,6%, e a inflación subxacente escala a 3%

Neste avance estatístico non se ofrecen aínda os datos concretos da Galiza, que se coñecerán a mediados do vindeiro mes de xuño.
Unha muller facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)
photo_camera Unha muller facendo a compra nun supermercado. (Foto: Fernando Sánchez / Europa Press)

O Índice de Prezos de Consumo (IPC) subiu, no conxunto do Estado español, 0,3% en maio en relación ao mes anterior e elevou tres décimas a súa taxa interanual, até 3,6%, rexistrando así o seu nivel máis elevado desde abril de 2023, segundo os datos avanzados esta quinta feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). O organismo explicou que a repunta do IPC é consecuencia do encarecemento da electricidade, tras a suba do IVE da luz, e do feito de que os prezos dos carburantes baixaron en maio deste ano menos do que o fixeran en igual mes de 2023.

Neste avance estatístico non se ofrecen aínda os datos concretos da Galiza, que se coñecerán a mediados do vindeiro mes de xuño, cando o INE publique a táboa completa e definitiva relativa á inflación de maio.

Co avance do IPC interanual no quinto mes do ano, a inflación encadea tres meses consecutivos de ascensos despois das subas de catro e unha décima experimentadas en marzo e abril, respectivamente. A repunta de maio, que aínda debe ser confirmada por Estatística, sitúa a inflación no seu nivel máis alto desde abril de 2023, cando o IPC superara o 4%.

O Ministerio de Economía, Comercio e Empresa, dirixido por Carlos Cuerpo, atribúe a alza do IPC en maio ao "efecto base" nos prezos da electricidade e aos menores descensos nos prezos dos carburantes.

A subxacente sobe até 3%

O INE incorpora no avance de datos do IPC unha estimación da inflación subxacente —sen alimentos non elaborados nin produtos enerxéticos—, que en maio subiu unha décima, até 3%, taxa seis décimas inferior á do IPC xeral. O Ministerio precisa que esta repunta da subxacente obedece ao aumento dos prezos dos servizos relacionados co turismo —paquetes turísticos, transporte de pasaxeiros aéreos, servizos de aloxamento, etc—.

"A evolución da inflación nos últimos meses mantívose estábel, o que está a permitir mellorar o poder adquisitivo das familias, que xa recuperaron o nivel previo á pandemia, á vez que se mantén a competitividade das empresas españolas. Todo iso nun contexto de crecemento da economía española, superior ao da media da zona euro", destaca o departamento de Carlos Cuerpo.

Comentarios