Os sectores do mar e do agro demandan un "foro" para protexelos da celulosa de Altri

O patrón maior da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, esta quinta feira, nunha palestra no 'Arctic Sunrise'. (Foto: PDRA)
A chegada do 'Arctic Sunrise' esta cuarta feira ao porto de Vilagarcía de Arousa escoltado por 300 embarcacións do sector pesqueiro con carteis de 'Altri non' deu paso esta quinta a unha xornada de traballo conxunto dos sectores primarios e o o ecoloxismo. “Ou vamos da man u non temos futuro”, din, alertando do impacto ambiental da celulosa de Altri na Ulloa.

Após a manifestación desta cuarta feira con máis de 300 embarcacións na ría de Arousa en contra da celulosa que Altri quere instalar en Palas de Rei (A Ulloa) e que contaminaría o río Ulla (que desemboca precisamente na Arousa), o buque Arctic Sunrise de Greenpeace converteuse esta quinta no escenario dunhas xornadas de traballo. Nelas tratáronse os problemas dos sectores primarios galegos, o seu presente e futuro, e a necesidade de pór en valor a tradición e a protección dos recursos polos que agricultura, pesca e gandaría levan séculos loitando na Galiza. Manuel Santos, delegado de Greenpeace na Galiza, valora a Nós Diario o traballo conxunto cos sectores primarios galegos nesta xornada do Arctic Sunrise en Vilagarcía. “Ou imos da man ou non temos futuro”, explica.

A loita contra a macrocelulosa de Altri en Palas de Rei, e os seus efectos no sector agrogandeiro do corazón da Galiza, en toda a conca do Ulla e na ría de Arousa, une nun mesmo berro os sectores produtivos tradicionais galegos coas defensas ecoloxistas. “Sufrimos unha agresión constante na Galiza e cada vez os proxectos da industria son máis destrutivos”, advirte Santos. Fronte a Altri, o estado das rías ou ás minas de Touro e San Finx, “o ecoloxismo galego e os sectores primarios estamos loitando xuntos para conservar a natureza e facer unha explotación sustentábel dos nosos recursos naturais”, destacaron hoxe os organizadores desta xornada no porto do Ramal (Vilagarcía).

Nas mesas de traballo celebradas ao longo desta quinta feira a bordo do Arctic Sunrise xuntáronse os tres sectores primarios galegos (agricultura, gandaría e pesca) e demandaron a creación dun “foro” no que todos estean representados para avaliar e denunciar os problemas presentes e demandar das Administracións medidas de cara ao futuro. Non faltou nesta xornada a visión do ecofeminismo.

"Altri, o cadaleito para a Ría de Arousa"

O presidente da Plataforma en Defensa da ría de Arousa (PDRA), Xaquín Rubido, explicou que a situación actual é “unha tormenta perfecta” na que conflúen dun lado a diminución de días de nordés que "dificultan a circulación e a renovación" da auga da ría e os nutrientes cos que se alimentan os bivalvos e, doutro lado, a contaminación, segundo Rubido, “o outro gran problema" das rías galegas. Demandan desde a PDRA a intervención da Administración para “implementar medidas que restrinxan de modo taxativo a contaminación das rías”.

Participou na mesa de traballo o patrón maior da Illa de Arousa, Juan José Rial Millán, que asegurou que “o marisqueo nesta ría está na UCI", e argumentou cifras reais coma a merma dun 30% da produtividade desta ría para acreditar o problema ao que se enfronta o sector. Altri centrou as intervencións de moitos representantes do sector presentes en Vilagarcía. Segundo dixo Rial Millán, “se o proxecto de Altri vai adiante sería coma pór o crucifixo enriba do cadaleito e matarnos de vez”.

Tamén a presidenta das mariscadoras de Carril, María Porto, incidiu en que o proxecto de Altri "prevé xerar arredor de 500 postos de traballo", pero advertiu que “só na ría de Arousa son 19.000 persoas" as que viven do marisqueo. Desde o sector insistiron en que os 250 millóns de euros de fondos públicos que Altri reclama para a súa celulosa na Ulloa poderían empregarse en rexenerar os bancos marisqueiros e o saneamento das rías.

Alerta do sector agrogandeiro

Isabelle Gómez, produtora gandeira en ecolóxico de Traloagro (Friol, comarca de Lugo), presidenta da Asociación Galega de Pastos e Forraxes, membro de distintas asociacións de produtores en ecolóxico na Galiza e o Estado e voceira da Plataforma Ulloa Viva, defendeu en Vilagarcía a necesidade de que as políticas da Xunta, o Estado e a Unión Europea "premien e incentiven dunha vez por todas as produtoras que traballamos coidando o noso medio e non sempre ás industrias". Demandou Isabelle Gómez “un esforzo global para chegarmos no ano 2050 ao obxectivo da neutralidade climática”.

Segundo a Axenda 2030, a Superficie Agraria Útil en ecolóxico debería ser de 25%, pero Isabelle Gómez sinalou que na Galiza “non chega a 6%”. Defendeu que fai falta que a nova Política Agraria Común (PAC) e as políticas das Administracións competentes “aposten polos mercados locais, as producións en ecolóxico e a gandaría extensiva”, que cumpren un importante papel na preservación e conservación do medio e tamén na loita contra os incendios forestais.

Isabelle Gómez é copropietaria de Traloagro, unha empresa familiar que leva 14 anos operando en ecolóxico no sector gandeiro en Friol. Fillos de emigrantes retornados, ela e seu irmán colleron a explotación familiar da casa en 2010 e comezaron a producir en ecolóxico, agora mesmo teñen 160 cabezas de bovino (fundamentalmente rubia galega) e incorporaron en 2012 o polo campeiro criado en ecolóxico (crían uns 60.000 ao ano). Traloagro ten un biocentro cárnico, unha ecotenda con carnizaría e outro estabelecemento na praza de abastos de Lugo, un exemplo, segundo Isabelle, “do tecido que Altri pode destruír”.

A cobertura da CRTVG contrasta coa doutros medios

“Emocionante” é a palabra que usan tanto o sector pesqueiro e marisqueiro coma os responsábeis de Greenpeace que antonte chegaron a Vilagarcía a bordo do Arctic Sunrise. As imaxes desde terra, mar e ar víronse nas televisións estatais, que cualificaban de “histórica” a manifestación marítima na Galiza.

Máis de 300 barcos na ría de Arousa escoltando o Arctic Sunrise que a Televisión da Galiza nin sequera introduciu no seu Telexornal Serán, mentres canles estatais estaban á mesma hora ofrecendo información e imaxes de Vilagarcía. A TVG limitouno a unha información na súa canle G24 cunha foto na que converteu 300 en só tres embarcacións arredor do buque de Greenpeace.