Acusan o PP do abandono dos centros culturais de Ferrol

No Centro Cultural Carvalho Calero e no Ateneo Ferrolán chove. O abandono ao que o PP condena os centros de actividade cultural queda á vista nos caldeiros que recollen a auga nas instalacións.

Son centros de referencia de actividade cultural de Ferrol mais as pingueiras recollidas en caldeiros mostran a desatención ao que o PP no goberno os ten condenado. A auga nas instalacións do Ateneo Ferrolán e o Centro Cultural Carvalho Calero son só o exemplo máis evidente da falta de atención do PP no goberno local e tamén no da Xunta ás actividades culturais de asociacións e entidades sociais.

Desde o Ateneo Ferrolán denuncian que están a padecer “goteiras que provocan inundacións por todo o edificio” despois mesmo de seren recepcionadas as obras de rehabilitación do edificio.

O concello abandona o Carvalho Calero e o Ateneo, pero inxecta 500.000 euros a Eulen

Tamén as pingueiras caen dentro do edificio do Centro Cultural Carvalho Calero e as imaxes mostran tinas por todas as estancias que gardan a auga que cae dos teitos.

O abandono destes centros contrasta cos 500.000 euros para a xestión dos espazos culturais que o concello destina a un contrato que foi adxudicado a Eulen, a empresa da que é apoderada a irmá de Feijóo.