42 mortos nun novo bombardeo israelí contra un campo de refuxiadas
Un mínimo de 25 persoas morreron esta sexta feira nun ataque israelí contra tendas de campaña en Mawasi, ao noroeste de Rafah. E mentres o primeiro ministro de Israel, Benjamin Netanyahu, insiste en que o seu Exército "se desvive" por evitar a morte de civís na Faixa de Gaza —tal e como afirmou tamén esta sexta feira—, o modus operandi parece repetirse: máis de medio cento de civís perderon a vida este sábado en dous bombardeos contra un campo de refuxiadas na cidade de Gaza e os seus arredores, denunciaron as autoridades a primeira hora.
O ataque dirixiuse contra o barrio de Al Tufá, no campamento de Al Shati —onde, segundo a información transcendida até o momento, un bloque residencial enteiro foi completamente destruído— e mais no barrio de Al Zaitún. Pouco antes o Exército israelí anunciara que actuaría sobre "dúas posicións de Hamás" na Faixa que se corresponderían cos lugares bombardeados.
O último balance ofrecido polas autoridades palestinas en Gaza, sen contar as vítimas deste último ataque, ascendía a 101 persoas asasinadas e outras 169 feridas só nas últimas 24 horas. En total, desde o pasado 7 de outubro as cifras do masacre elévanse até os 37.551 falecementos e 85.911 persoas feridas de diversa consideración.
Ante a falta de recursos e da entrada á Faixa de Gaza de axuda humanitaria, a fame aumenta entre unha poboación cada vez máis indefensa que empeza a sumirse nun estado de "anarquía" e "caos total", denunciou este sábado o secretario xeral da ONU, António Guterres. Esta, dixo, é "diferente de calquera outra guerra", dado que os combatentes dun e doutro bando "móvense constantemente dun lado a outro", o que se traduce "nun caos total" e en que "non hai autoridade na maior parte do territorio".
Palestina suma apoios internacionais
Fronte a esta situación, o Gobernno de Cuba ratificou a súa intención de sumarse ao procedemento xudicial iniciado por Suráfrica contra Israel na Corte Internacional de Xustiza, unha causa que xa confirmou a comezos de mes o Estado español que apoiará. O Ministerio cubano de Exteriores chamou nun comunicado a "pór fin ao xenocidio" contra o pobo palestino e a "deter as atrocidades" perpetradas por uin Exército israelí caracterizado por un "uso desproporcionado e indiscriminado da forza".
E esta sexta feira o Goberno de Armenia avanzou tamén que recoñecerá o Estado de Palestina, confirmando así o seu "compromiso co dereito internacional e os principios de igualdade, soberanía e coexistencia pacífica dos pobos".