Un ataque lanzado desde o Líbano mata nove israelís no territorio sirio dos Altos do Golán

Ambulancia israelí no territorio sirio dos Altos do Golán (Foto: Europa Press / Contacto / Ayal Margolin / JINI).
Esta acción podería ser unha represalia contra o incesante envío de ataques contra territorio libanés. Neste sentido, segundo transcendeu este mesmo sábado, perto de 500 persoas faleceron no Líbano polos ataques de Israel desde o pasado 8 de outubro.

Un mínimo de nove persoas israelís faleceron e outras moitas resultaron feridas nun ataque procedente do Líbano sobre un campo de fútbol nos Altos do Golán. territorio sirio que se atopa ocupado de forma ilegal por parte de Israel.

Os Altos do Golán son un territorio que Israel arrebatou a Siria durante a Guerra dos Seis Días (1967) e a Guerra de Yom Kipur (1973) e que anexionou de forma efectiva en 1981, nun movemento non recoñecido pola comunidade internacional.

Esta acción podería ser unha represalia contra o incesante envío de ataques contra territorio libanés. Neste sentido, segundo transcendeu este mesmo sábado, máis de 2.000 persoas resultaron feridas no Líbano polos ataques de Israel desde o pasado 8 de outubro, das cales perto de 500 faleceron.

Pouco despois da acción sobre os Altos do Golán, Hezbolá informou da morte de catro dos seus membros nun novo ataque israelí no sur do Líbano. Así, a tensión na fronteira norte de Israel non deixa de medrar e podería haber unha nova escalada do conflito.

Ataque israelí contra unha escola

Israel atacou este sábado un hospital de campaña situado na escola Khadija da ciudad de Deir el-Balah, no centro da Faixa de Gaza, unha acción que provocou un mínimo de 30 persoas falecidas e que deixou feridas a máis dun cento.

Este novo ataque deixa a cifra de persoas palestinas falecidas a causa dos ataques de Israel sobre a Faixa de Gaza en 39.258, mentres que as feridas superan as 90.000. Neste contexto, decenas de profesionais sanitarias estadounidenses que traballaron en Gaza de maneira voluntaria escribiron unha misiva dirixida ao presidente dos EUA, Joe Biden, exixindo que retire o seu apoio diplomático a Israel e implemente un embargo de armas.

Máis morte en Cirxordania

Ademais, este sábado o Exército de Israel realizou un bombardeo sobre un campo de persoas refuxiadas perto da cidade cisxordana de Nablús que deixou unha nova morte no territorio palestino e nove persoas feridas, entre elas un profesional sanitario.