Máis de 40.300 persoas mortas e un éxodo incesante: novos ataques israelís sacoden Gaza

Familiares dos palestinos mortos nos ataques israelís reciben os seus en Khan Yunis. (Foto: Abdullah Abu Ao-Khair/APA Imaxes vía ZUMA Press Wire/dpa).
A ONU estima que 9 de cada 10 habitantes da Faixa de Gaza tiveron que fuxir de onde estaban asentados debido aos ataques israelís.

O balance de palestinos mortos por mor da ofensiva militar de Israel contra a Faixa de Gaza supera as 40.300 persoas falecidas e as 93.350 feridas, actualizou o Ministerio de Sanidade gazatí, quen precisou que "a ocupación israelí cometeu cinco masacres contra familias en Gaza" durante as últimas 48 horas, cun balance de 69 "mártires" e 212 feridos trasladados a hospitais.

Novos ataques

Mentres, o exército israelí anunciou varios bombardeos sobre o sur da Franxa de Gaza, un dos cales, durante a pasada noite acabou coa vida dun destacado miliciano de Hamás, mentres que fontes médicas palestinas denunciaron 37 civís mortos nestes ataques, once deles na localidade de Khan Yunis.

Israel identificou ao miliciano falecido como Taha Abu Nada, un dos responsábeis da división de lanzamento de foguetes, morto na serie de ataques lanzados contra a Cidade de Gaza, Khan Yunis e Rafah para apoiar as intervencións por terra de dúas divisións, en especial a efectuada no barrio de Tel Sultan, nesta última localidade.

Ao mesmo tempo, a axencia oficial de noticias palestina Wafa, citando a fontes médicas locais, informou de que os bombardeos concentráronse en varias zonas ao oeste, leste e centro da cidade de Khan Yunis, onde morreron once persoas. Polo menos tres mortos foron recuperados en Rafah –onde permanecen "decenas de cadáveres" baixo os entullos– e hai constancia de falecidos no campamento de desprazados de Nuseirat e en Deir al-Balah.

Desprazados

Unhas 100.000 persoas fuxiron desta zona, no centro da Franxa de Gaza, como consecuencia dos intensos ataques das Forzas Armadas israelís. Ademais, uns 20 refuxios quedaron inutilizábeis debido aos bombardeos e ás ordes de evacuación das forzas israelís, segundo fontes locais citadas Wafa.

Este mesmo sábado informouse da morte de polo menos catro persoas e de varias máis feridas no sur de Khan Yunis debido a un ataque da aviación israelí sobre unha vivenda, informou Al Yazira.

Unha fuxida tras doutra

A Oficina de Coordinación de Asuntos Humanitarios da ONU (OCHA), lembrou que entre o 1 de xullo e o 21 de agosto emitíronse 16 ordes de evacuación forzosa que afectaron a uns 213.000 persoas palestinas.

En conxunto, a ONU estima que 9 de cada 10 habitantes da Faixa de Gaza tiveron que fuxir de onde estaban asentados debido aos ataques israelís. Ademais, advertiu de que a maioría da poboación ten que reasentarse polo menos unha vez ao mes.