Biden anuncia que non se presenta a reelección

Joe Biden no último debate con Trump. (Foto: Kyle Mazza / Zuma Press / ContactoPhoto)

O presidente estadounidense, Joe Biden, non competirá con Donald Trump nas eleccións presidencias de 5 de novembro. Kamala Harris gaña forza como candidata demócrata.

Joe Biden non concorrerá aos comicios presidenciais de 5 de novembro. A súa renuncia é consecuencia da perda de apoios dentro da súa formación tras a súa actuación no debate contra Donald Trump de 27 de xuño.

A negativa dos máis importantes doantes do Partido Demócrata resultou decisiva no paso atrás de Biden. Nesta listaxe, aparece como primeiro doante o empresario dos medios de comunicación Michael Bloomberg, seguido das fundacións de George Soros.

Os principais apoios do Partido Demócrata proceden daqueles sectores económicos máis ligados aos fondos de investimento, da industria tecnolóxica e do complexo militar industrial.

A consideración que o Partido Demócrata se dirixía a un estrepitoso fracaso electoral levou a importantes dirixentes da formación a reclamar a dimisión de Biden. Nesta liña, destacaron os lideres dos partido en ambas cámaras Chuck Schumer e Hakeem Jeffries.

A toma de postura contra Biden de Nancy Pelosi e Barack Obama evidenciou a falta de apoios do actual mandatario. A primeira, aos seus 84 anos continúa a ser unha referencia dos demócratas. O segundo, presidente de Estados Unidos durante dúas lexislaturas,  está considerado como un dos rostros máis visíbeis do capital globalista.

A prensa estadounidense sitúa como candidata do Partido Demócrata nas vindeiras eleccións a Kamala Harris, actual vicepresidenta de Biden. As sondaxes das últimas semanas outorgaban a Harris unha escasa popularidade e unha falta de tirón electoral.