Os Estados Unidos enviarán máis buques de guerra e cazas a Oriente Medio para "rebaixar a temperatura"

O secretario de Estado dos EUA, Lloyd Austin. (Foto: Europa Press / Contacto / Rod Lamkey)
O secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, afirmou que Estados Unidos, xunto cos seus aliados, enviaron unha mensaxe directa a Israel e Irán para advertirlles de que ninguén debe seguir intensificando as tensións na rexión.

Os Estados Unidos de América iniciaron un proceso de reforzo da súa presenza militar en Oriente Medio, entre outras accións, co traslado de cruceiros, destrutores e avións adicionais á rexión. Así o anunciou nas últimas horas o secretario de Defensa estadounidense, Lloyd Austin, no que cualificou como un intento dos EUA de "rebaixar a temperatura".

"Para manter a presenza dun grupo de ataque de portaavións en Oriente Medio, ordenei que o USS Abraham Lincoln substitúa o USS Theodore Roosevelt a finais deste mes", dixo o secretario de Defensa dos Estados Unidos durante unha rolda de prensa.

"Tamén ordenei o envío á rexión de máis cruceiros e destrutores capaces de defenderse contra mísiles balísticos. E ordenei o despregamento doutro escuadrón de cazas en Oriente Medio para reforzar alí as nosas capacidades de apoio aéreo defensivo", engadiu.

Previamente, The Washington Post informou de que o portaavións estadounidense USS Theodore Roosevelt e polo menos outros cinco buques de guerra desprazáronse nos últimos dous días desde o golfo Pérsico (entre a Península da Arabia e o Irán) cara ao golfo de Omán (entre o Irán e os Emiratos Árabes).

Mensaxes a Irán e Israel

Pola súa parte, o secretario de Estado estadounidense, Antony Blinken, afirmou que Estados Unidos, xunto cos seus aliados, enviaron unha mensaxe directa a Israel e Irán para advertirlles de que ninguén debe seguir intensificando as tensións na rexión. Ademais, subliñou que Washington segue traballando intensamente para reducir as tensións na zona e evitar que o conflito se agrave.

"Nos últimos días estivemos en contacto permanente cos socios da rexión e seguiremos niso", afirmou Blinken. "Levamos a cabo un intenso labor diplomático con aliados e socios, comunicando esta mensaxe directamente a Irán, e comunicamos esa mensaxe directamente a Israel", insistiu o secretario de Estado dos EUA.

Estas declaracións prodúcense no medio dunha nova escalada do conflito entre Israel e os Estados da rexión. Tras o asasinato en Teherán do líder político do grupo palestino Hamás, Ismail Haniya, e a morte do comandante militar do movemento libanés Hezbolá, Fuad Shukr, nun ataque israelí en Beirut, Israel prepárase para facer fronte a un "inevitábel" ataque de represalia por parte de Irán.