Israel anuncia que prepara "a seguinte fase da guerra" para "loitar no norte" e inicia fortes bombardeos aéreos sobre o Líbano

Herzi Halevi e Benjamin Netanyahu (Foto: Europa Press / Contacto / Amos Ben Gershom / Israel Gpo).

Avións do Exército de Israel atacaron este domingo múltiples localidades do sur do Líbano, alegando a presenza de “obxectivos terroristas” de Hezbolá e despois do ataque do sábado que deixou 12 mortes israelís no territorio sirio ocupado dos Altos do Golán.

“Avións de combate atacaron durante a noite unha serie de obxectivos terroristas da organización terrorista Hezbolá en todo o Líbano”, afirmaron as Forzas de Defensa de Israel nun comunicado a través de redes sociais.

Nesta mesma mensaxe, as forzas israelís matizaron que, “entre os obxectivos atacados no Líbano profundo e meridional, atópanse infraestruturas terroristas das zonas de Shabriha, Burj al Shamali, Bekaa, Kfar Kila, Rab al Talatin. Jiyam e Tir Harfa”.

Desde o Líbano tamén notificaron ataques contra a cidade portuaria de Tiro y Abbasiya, así como entre as localidades de Chmistar e Taraiyya, no val da Bekaa, unha das zonas onde o apoio e o control de Hezbolá sobre o territorio está máis consolidado.

"Preparados para a seguinte fase da guerra"

O xefe do Estado Maior das Forzas Armadas de Israel, Herzi Halevi, afirmou que saben “exactamente desde onde se lanzou o proxectil [a radio israelí informou de que foi lanzado desde a zona de Chebaa]” en cuestión e asegurou que están “levando a súa preparación ao seguinte nivel para loitar no norte”.

Halevi defendeu que as tropas israelís están “moi preparadas para a seguinte fase da guerra no norte” mentres continúa a operación na Faixa de Gaza. “Sabemos que tamén atacaremos moi lonxe de Israel e que haberá máis desafíos”, engadiu o xefe do Estado Maior israelí.

“Utilizaremos todos os medios para que os residentes do norte regresen a casa sans e salvos”, afirmou, sinalando que actuarán “cando sexa necesaria unha operación contundente”. “Actuaremos para que cheguen días mellores”, acrecentou Herzi Halevi.