Machado fai un novo chamamento ás Forzas Armadas e a Fiscalía venezolana abre investigación por "instigación da insurección"

María Corina Machado, líder da oposición venezolana. (Foto: Europa Press / Jimmy Villalta)
O presidente do Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela, Elvis Amoroso, entregou esta segunda feira as actas dos comicios presidenciais ao Tribunal Supremo de Xustiza.

A Fiscalía de Venezuela abriu esta segunda feira unha investigación penal contra o ex candidato nas presidenciais Edmundo González e a líder opositora María Corina Machado, pola presunta comisión de "múltiples delitos" ao subscribir un pronunciamento no que insta a policías e militares a rebelarse contra a orde democrática e se autoproclaman gañadores das eleccións nas que resultou reelecto o presidente Nicolás Maduro.

O fiscal xeral venezolano, Tarek William Saab, cualificou o documento asinado por Machado e González como "nulo" e dixo que ambos "atentan contra a paz" en Venezuela. Neste sentido, a Fiscalía detallou que a difusión do mencionado texto fíxose "á marxe da Constitución e da lei". "Falsamente anuncian un gañador das eleccións presidenciais distinto ao proclamado polo Consello Nacional Electoral, único órgano cualificado para facelo", explicou o Ministerio Público.

A Fiscalía tamén resaltou que na mensaxe lanzada por González e Machado "faise unha aberta incitación a funcionarios policiais e militares á desobediencia das leis". "No citado pronunciamento evidénciase a presunta comisión dos delitos de usurpación de funcións, difusión de información falsa para causar desacougo, instigación á desobediencia das leis, instigación á insurrección, asociación para delinquir e conspiración", detallou o Ministerio Público.

A institución a cargo de Saab indicou que como "garante da paz e a estabilidade do país, manterase vixiante ante calquera acto que implique a xeración de violencia ou desacougo na poboación e que pretenda a reedición de eventos que deixaron dolorosas feridas en toda a familia venezolana".

O novo pronunciamento

Previamente, Machado volveu apelar ás Forzas Armadas de Venezuela (xa o fixera horas despois das eleccións) ante o que ela cualifica de fraude nas eleccións venezolanas do pasado 28 de xullo, nas que o principal forza da oposición (non así o resto de candidaturas) non recoñece os resultados oficiais que outorgan a vitoria ao presidente Nicolás Maduro.

"É hora de mirar adiante, sabemos que estamos nunha fase complexa, fanme moitas preguntas sobre o papel das Forzas Armadas e sobre outros sectores, eu quero que entendamos o pasado 28 de xullos", afirmou a líder opositora nun vídeo difundido en varias televisións.

"Todos os venezolanos, incluíndo os militares que estiveron no Plan República foron testemuñas do que aconteceu. Saben a verdade. Comportáronse acorde á verdade e eu confío en que vai prevalecer a sensatez e o amor a Venezuela, o respecto a Edmundo González como presidente electo", engadiu Machado.

Machado afirmou que se Maduro "decide permanecer pola forza, o que vén é un proceso de desestabilización con enormes e terríbeis consecuencias, non soamente en vidas, senón tamén en destrución interna e un proceso de migración masivo que afecta e desestabiliza a rexión".

Entrega das actas ao Tribunal Supremo

O presidente do Consello Nacional Electoral (CNE) de Venezuela, Elvis Amoroso, entregou esta segunda feira as actas dos comicios presidenciais ao Tribunal Supremo de Xustiza, despois de que este lle dera a fin de semana un prazo de tres días para realizar a entrega dos escrutinios.

Amoroso, que entregou as actas de escrutinio de cada mesa así como o de adxudicación e proclamación do ataque cibernético contra o sistema, expresou a vontade do Poder Electoral de acatar as leis "en aras de dirimir calquera controversia para cumprir o mandato constitucional".