Catalunya

Marta Rovira defende que o IRPF "sexa o primeiro tributo que poida recadar" Catalunya

A secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, nun acto no día da súa volta a Catalunya (Foto: Joan Ignasi Elena).
"O imposto da renda en Catalunya é un dos que máis recadación teñen e sería un salto moi importante que fose o IRPF o primeiro tributo que poida recadar a axencia tributaria catalá", declarou Rovira.

A secretaria xeral de ERC, Marta Rovira, cre que "sería un salto moi importante" que o IRPF sexa o primeiro imposto que poida recadar unha axencia tributaria catalá propia e, textualmente, non consorciada.

"O imposto da renda en Catalunya é un dos que máis recadación teñen e sería un salto moi importante que fose o IRPF o primeiro tributo que poida recadar a axencia tributaria catalá", declarou nunha entrevista publicada este domingo por El País.

A dirixente republicana incidiu en que "hai que poder reivindicar unha axencia tributaria propia, non consorciada e que recade todos os impostos". Tras ser preguntada por se os republicanos contemplan algún sistema que permita blindar determinada porcentaxe de investimento en Catalunya, Rovira asegurou que é unha das cuestións que máis lles preocupa, o "ter as garantías de que aquilo que se acordou se cumpre".

"Queremos garantías de cumprimento do que non se logre fechar esta semana", engadiu, á vez que afirmou que non é só a militancia a que reprocha que o PSOE e o PSC, textualmente, non son de fiar, tamén se queixan os e as votantes.

Rovira reiterou o seu rexeitamento cara ao Consorcio Tributario que propón O PSC e reclamou unha relación bilateral co Estado en materia de financiamento: "O Consorcio lémbranos á relación de minoría de idade que temos co Estado español".

"Non hai un pacto de Govern"

Así mesmo, especificou que non se trata dun acordo co PSC nin para facer president ao seu primeiro secretario, Salvador Illa, senón que é un "acordo de avance para Catalunya". "Nós non traballamos para Salvador Illa nin para o PSC, senón para a cidadanía de Catalunya e para as súas necesidades", engadiu.

Neste sentido, remarcou que os republicanos se van á oposición e que "non hai un pacto de Govern", e asegurou que o que trata de facer ERC é aproveitar a súa posición de forza que recoñecen outras organizacións.