Montero asegura que o concerto catalán é solidario e asegura servizos similares se as CCAA fan "un esforzo fiscal"

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, esta cuarta feira, 4 de setembro, no Senado. (Foto: Eduardo Parra Europa Press).

Ante o Pleno do Senado defendeu que o acordo supón para Catalunya "unha ampliación do espazo fiscal en consonancia coa vontade de avanzar en autogoberno", mais garantindo "a solidariedade interterritorial".

A vicepresidenta primeira e ministra de Facenda, María Jesús Montero, defendeu esta cuarta feira que o acordo con ERC para un financiamento singular en Catalunya estabelece que a "solidariedade" deste sistema debe garantir un nivel similar de servizos públicos en todas as comunidades autónomas, pero "sempre que leven a cabo tamén un esforzo fiscal similar".

Así o explicou na súa intervención ante o Pleno do Senado para dar conta do acordo fiscal con ERC, insistindo no termo de financiamento singular para Catalunya, sen mencionar a expresión 'concerto económico' a pesar das insistencias dos 'populares' e os receos das formacións independentistas.

Segundo explicou, lendo extractos do acordo, a achega de Catalunya ao Estado con este novo modelo de "solidariedade" estabelecerase a través dunha porcentaxe de participación nos tributos.

"A achega ten que ser explícita e tense que reflectir de forma transparente, ao momento de que o acordo inclúe que a Generalitat debe contribuír á solidariedade coas comunidades autónomas, unha solidariedade que permita que os servizos prestados polos distintos gobernos autonómicos aos seus cidadáns poidan alcanzar niveis similares, sempre que leven a cabo tamén un esforzo fiscal similar", engadiu.

E é que, segundo defendeu Montero, a cota de "solidariedade" que achegaría Catalunya ao Estado con este novo modelo singular asemellaríase ao actual sistema de financiamento autonómico, aínda que esixiu aos territorios un esforzo fiscal para alcanzar niveis parecidos en canto aos servizos públicos.

Axencia Tributaria Catalá

Na súa intervención, a ministra Montero recoñeceu que Catalunya comezará a recadar 100% dos impostos a través da Axencia Tributaria Catalá, tal e como aparece no acordo con ERC para que Salvador Illa sexa presidente da Generalitat.

"A xestión, recadación, liquidación e inspección de todos os impostos soportados en Catalunya corresponden á Axencia Tributaria de Catalunya, salvo os de natureza local. En segundo lugar, a achega catalá ás finanzas do Estado integra a achega polo custo do Estado", agregou Montero.

Así, a ministra proclamou que o acordo entre ERC e PSC "desprega nin máis nin menos que o previsto xa no Estatuto de Autonomía de Catalunya, validado polo Tribunal Constitucional e, por tanto, segundo o previsto na Constitución".

"Unha ampliación do espazo fiscal en consonancia coa vontade de avanzar en autogoberno, iso si, garantindo ao mesmo tempo a solidariedade interterritorial", sostivo a vicepresidenta primeira e ministra de Facenda.

Montero reivindicou o acordo con ERC, recriminando aos críticos que falen dun "pacto insolidario" co resto de comunidades autónomas: "É un acordo solidario que profunda no federalismo", aseverou.

Contra o PP

Montero arrincou a súa intervención ante o Pleno do Senado cargando contra o PP por obrigala a comparecer na Cámara Alta para explicar este acordo con ERC, rexeitando que o concerto económico para Catalunya se trate dun "secesionismo fiscal" como fan referencia os 'populares'.

Segundo dixo a vicepresidenta, "o deporte favorito do PP é utilizar Catalunya simple e sinxelamente elemento de confrontación para tentar rascar algúns votos no resto do territorio".