Observadores internacionais de 107 países defenden o "proceso democrático" en Venezuela

Unha persoa exerce o seu dereito a voto nas eleccións do pasado domingo en Venezuela. (Foto: Europa Press / Contacto / Marcos Salgado)
"Recoñecemos o valioso traballo do Consello Nacional Electoral da República Bolivariana de Venezuela, que garantiu a realización de eleccións en todo o territorio venezolano a través dun mecanismo electoral cos maiores estándares de transparencia e auditabilidade", destaca esta declaración.

126 organizacións de diversa índole de 107 países do mundo asinaron a Declaración de observadores internacionais sobre o proceso de eleccións en Venezuela 2024 na que declaran ante a comunidade internacional os seus parabéns ao pobo venezolano “pola realización deste proceso democrático electoral que foi un verdadeiro exemplo de participación, civismo e transparencia”.

“Recoñecemos o valioso traballo do Consello Nacional Electoral da República Bolivariana de Venezuela, que garantiu a realización de eleccións en todo o territorio venezolano a través dun mecanismo electoral cos maiores estándares de transparencia e auditabilidade que os colocan como un dos mellores do mundo”, engaden.

“Recoñecemos ademais a solidez do Consello Nacional Electoral e a entrega dos resultados que despexaron o intento de vulneración do proceso a través dun ataque cibernético que tiña como fin xerar incerteza”, salientan.

Estas 126 organizacións dan tamén os parabéns, así mesmo, ao presidente de Venezuela, Nicolás Maduro Moros, así como ao Gran Polo Patriótico, “por esta contundente vitoria pola paz, o futuro e a felicidade do pobo venezolano”.

Finalmente, fan un chamamento á comunidade internacional a “apoiar o proceso democrático venezolano e condenar os intentos de desestabilización e violencia xerados pola extrema dereita venezolana, internacional e imperial”.

A CIG, como parte da delegación de observadores internacionais no proceso de eleccións presidencias decorrido en Venezuela o pasado domingo, súmase á declaración emitida “ante os intentos de cuestionar os resultados, desestabilización e violencia xerados pola extrema dereita do país”.

Machado pide a intervención das Forzas Armadas

Así o fai a central sindical galega despois de que María Corina Machado, líder da Plataforma Unitaria Democrática que ficou en segundo lugar nas eleccións, afirmase que non recoñecía a vitoria de Nicolás Maduro e afirmase que "o deber das Forzas Armadas é facer respectar o voto, e iso é o que esperamos dos nosos militares", nunha mensaxe entendida por moita xente como un chamamento a un golpe de Estado, é dicir, a derrocar ao Goberno venezolano pola forza.