Que consecuencias está tendo o erro de Microsoft? Que hai que facer para solucionalo?

A incidencia afectou multitude de aeroportos no mundo, como o de Palma de Mallorca (Illes Balears) [Foto: Clara Margais / DPA vía Europa Press].
Máis de 3.200 viaxes en avión foron canceladas esta sexta feira en todo o mundo. As tendas rexistraron problemas para os pagamentos por vías electrónicas. Hospitais públicos e outros servizos gobernamentais experimentaron dificultades. Incluso os bancos padeceron a caída dos servizos de Microsoft tras un erro informático.

Un problema nunha actualización dun programa de ciberseguridade de Crowdstrike, provedor de Microsoft, causou esta sexta feira numerosas incidencias en empresas e Administracións públicas de todo o mundo. Segundo o director executivo da compañía, George Kurtz, o erro informático comezou esta quinta feira ás 21 horas.

A incidencia estendeuse a nivel global e xerou unha serie de problemas que incluíron erros nas operacións de administración de servizos e na dispoñibilidade das ferramentas ofrecidas ás empresas clientes de Crowdstrike. 

É o caso de Microsoft, que sufriu unha caída nos seus servizos. Así, o erro provocou que o sistema operativo Windows, o máis usado do mundo, non funcionase correctamente. Neste sentido, o problema tense que resolver manualmente en cada ordenador afectado, á espera dunha solución automatizada. 

Para facelo, é necesario eliminar o arquivo que contén a última actualización da ferramenta de seguridade Falcon, porque é incompatíbel con Windows. O Instituto Nacional de Ciberseguridade ofrece asistencia ás persoas afectadas no teléfono 017.

"Isto non é un incidente de seguridade nin un ciberataque", asegurou Kurtz, quen ademais pediu desculpas polo fallo global provocado pola súa  compañía. "Entendemos a gravidade da situación e lamentamos profundamente as molestias e os trastornos", declarou o empresario.

Neste contexto, o valor das accións de Crowdstrike, cotizada do tecnolóxico Nasdaq de Wall Street, que chegou a marcar baixadas de máis de 20%, descendeu esta sexta feira 10%, deixando a acción nos 310 dólares. Deste modo, a compañía, cuxos títulos fecharon esta quinta feira a un prezo de 343 dólares, viu minguada a capitalización bolsista de 83.500 millóns de dólares ao fío dos 80.000 millóns (3.500 millóns de euros menos). Pola súa parte, a Microsoft rexistrou unha leve baixada tras chegar a marcar previamente unha caída de 3%.

Sectores afectados

O erro en Microsoft alterou o funcionamento de compañías aéreas a nivel global e imposibilitou realizar con normalidade procesos de facturación ou embarque en plena tempada alta, xerando atrasos e obrigando a cancelar milleiros de voos. En concreto, máis de 3.200 viaxes en avión foron canceladas a nivel mundial, segundo FlightAware.

Con todo, o sistema aeroportuario e os servizos gobernamentais de potencias mundiais como a China ou Rusia non se viu afectado, ao non ter dependencia de Windows. "A situación con Microsoft mostra, unha vez máis, a importancia da substitución de importacións de software estranxeiro, sobre todo, nas instalacións críticas de infraestrutura da información", sostivo o Ministerio de Desenvolvemento Dixital de Rusia ao respecto.

Estacións de servizo, supermercados e farmacias tamén pagaron as consecuencias, neste caso, as incidencias consistiron en dificultades para o escaneo e a cobranza dos produtos a través de dispositivos electrónicos.

Outra das compañías que reportaron incidencias foi a xestora de pagamentos en liña Bizum, que sinalou a través das redes sociais que a súa plataforma puido verse afectada "temporalmente" por esta caída de Microsoft. Porén, o seu servizo xa pode utilizarse de novo "con normalidade", asegurou a firma. 

O erro afectou sectores como o enerxético, o bancario, o dos transportes e incluso varios medios de comunicación. Ademais, tamén tivo incidencia nas Administracións públicas, especialmente en sistemas de saúde. 

Consecuencias na Galiza

As consecuencias deixáronse sentir na Galiza. Ademais dos atrasos nos aeroportos, os hospitais públicos do sistema sanitario galego rexistraron problemas, aínda que a normalidade recuperouse durante a mañá. 

"[O erro] afectou hospitais e centros de saúde do Servizo Galego de Saúde, mais os servizos fóronse restabelecendo progresivamente ao longo da mañá e non se produciron incidencias destacadas", explicaron fontes autorizadas da Xunta da Galiza. 

A incidencia chegou tamén ao banco con maior implantación na Galiza, Abanca, que tras horas de problemas informáticos, sobre as 14 horas, afirmou ter recuperado os seus servizos.