O xuíz do 'caso Begoña Gómez' autoriza Vox a interrogar Pedro Sánchez na Moncloa

O presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, e a súa muller, Begoña Gómez (Foto: Álex Cámara / Europa Press).
Así o confirmou o partido liderado por Santiago Abascal, que exerce a coordinación das acusacións populares.

O xuíz que investiga a Begoña Gómez, a esposa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, permitirá á coordinadora xurídica do partido político Vox, Marta Castro, asistir e participar de forma presencial no interrogatorio como testemuña desta terza feira ao xefe do Executivo estatal na Moncloa.

Así o confirmou o partido liderado por Santiago Abascal, que exerce a coordinación das acusacións populares presentes na causa na que o maxistrado Juan Carlos Peinado investiga a Gómez por tráfico de influencias e corrupción nos negocios.

A testifical decorrerá no Palacio da Moncloa ás 11 horas. Outra das acusacións, Hazte Oír, organizou unha concentración na zona peonil da Facultade de Estatística de Madrid, que se sitúa fronte a un dos accesos do recinto onde está a residencia do presidente do Goberno español. As acusacións populares presentes na causa son Vox, 'Hazte Oír', Movimiento por la Regeneración Democrática, Manos Limpas, e Iustitia Europa.

A Fiscalía recorreu por segunda vez a citación de Sánchez

A Fiscalía recorreu esta terza feira por segunda vez a citación de Sánchez para declarar na Moncloa. Segundo avanzou a Cadena Ser, o recurso preséntase nesta ocasión contra a providencia do pasado 26 de xullo na que o xuíz substituto, Carlos del Valle, rexeitaba a carta de Sánchez que indicaba que a lei lle permitía declarar por escrito.

Na súa misiva, Sánchez aseguraba que ten vontade de "colaborar" coa Xustiza, mais defendía que a súa declaración como testemuña o 30 de xullo debíase "prestar por escrito". O xefe do Executivo estatal aseguraba que a súa comparecencia ante o xuíz Juan Carlos Peinado "resulta inescindíbel" da súa condición de presidente do Goberno español e que por iso a súa comparecencia debe ser por escrito. "É o meu deber preservar o sentido propio da institución", engadía.

Sánchez incidía neste punto en que a Lei de Axuizamento Criminal diferenza entre a declaración dun presidente por feitos dos que teña coñecemento por "razón do seu cargo" ou por feitos alleos ao seu exercicio como presidente. No primeiro caso, a norma dá a posibilidade de declarar por escrito; no segundo, non.

Neste sentido, insistía en que para "garantir o estrito cumprimento do ordenamento xurídico", e dadas as cuestións que se investigan na causa que dirixe o Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid, a declaración "debe producirse conforme ao estabelecido no artigo 412.2 da Lei de Axuizamento Criminal (LeCrim)".

O artigo no que se ampara Sánchez fixa que o presidente do Goberno español está "exento de concorrer ao chamamento do xuíz, mais non de declarar, podendo informar por escrito sobre os feitos dos que teña coñecemento por razón do seu cargo". O avogado da súa esposa utilizou o mesmo argumento no recurso que presentou contra a citación do 30 de xullo.