O xuíz ameaza con deter Begoña Gómez se non acode á declaración como testemuña de Juan Carlos Barrabés

A declaración da segunda feira, aínda que se realizará na fase de investigación, poderá utilizarse no caso de que decorra un xuízo.
Begoña Gómez (Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera Begoña Gómez (Eduardo Parra / Europa Press).

O xuíz avisou Begoña Gómez, esposa do presidente do Goberno español, Pedro Sánchez, de que ten a "obrigación" de acudir a próxima segunda feira aos xulgados de Praza de Castela (Madrid) para seguir a declaración como testemuña do empresario Juan Carlos Barrabés.

Neste sentido, o xuíz advertiu Gómez de que se non acode ou non alega "causa xusta" para a súa ausencia á declaración de Barrabés poderá ditar contra ela unha "orde de detención".

Así consta nunha cédula de citación, asinada pola letrada da Administración de Xustiza (LAX) do Xulgado de Instrución Número 41 de Madrid o pasado 17 de xuño.

Segundo recolle o documento, Gómez "ten o deber de comparecer asistida de avogado da súa elección" a segunda feira 15 de xullo ás 11 horas á planta sexta dos Xulgados de Praza de Castela, onde se atopa a sala de vistas do xulgado que dirixe o xuíz Juan Carlos Peinado.

"Apercíboa de que ten obrigación de comparecer e que de non facelo nin alegar causa xusta que llo impida, poderá converterse esta citación en orde de detención", sinala a LAX.

A letrada explica que neste caso ordénase a Gómez que acuda ao xulgado porque a declaración como testemuña de Barrabés utilizarase como proba preconstituida nun eventual xuízo por razóns de saúde do empresario; é dicir, que a declaración da segunda feira, aínda que se realizará na fase de investigación, poderá utilizarse no caso de que decorra un xuízo.

Cómpre lembrar que Gómez acudiu ao xulgado a pasado sexta feira 5 de xullo para declarar como investigada, mais finalmente pospúxose o interrogatorio para o 19 de xullo porque non se lle notificou correctamente unha das querelas achegadas ao procedemento.

Ese día levouse a cabo un gran despregamento policial nas inmediacións de Praza de Castela e autorizouse a súa entrada ao xulgado polo garaxe por cuestións de seguridade.

Comentarios