Volodimir Zelenski solicita permiso para atacar territorio ruso con armas occidentais

O primeiro ministro de Reino Unido, Keir Starmer, e o presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski (Foto: Europa Press / Contacto / Thomas Krych).
O presidente de Ucraína sela un acordo de financiamento co Reino Unido.

O presidente de Ucraína, Volodimir Zelenski, pediu aos seus aliados internacionais que concedan ás súas forzas o permiso explícito para atacar territorio ruso coas armas que lle están subministrando para destruír as posicións de lanzamento de proxectís que Rusia dispara contra o territorio ucraíno.

Segundo argumentou Zelenski durante un encontro co Consello de Ministros e Ministras do Reino Unido (o primeiro dun líder internacional desde o decorrido en 1997 co entón presidente dos EUA Bill Clinton), "os intentos de Rusia para expandir a guerra poden ser detidos se son levantadas as restricións sobre o uso de armas occidentais contra as forzas rusas".

"Cando poidamos atacar máis alá das intermediacións da fronteira, incluíndo bases aéreas do Exército ruso, non só nos protexeremos das ofensivas rusas, senón que tamén aseguraremos as nosas posicións da fronte e as cidades das bombas", engadiu.

A malversación de fondos militares deixa 30 detidos

Londres asinou esta sexta feira con Kíiv un acordo de apoio crediticio oficial para o desenvolvemento de capacidades de defensa de Ucraína, xusto na mesma xornada na que 30 persoas, entre elas varias funcionarias ucraínas, foron detidas nunha operación a grande escala sobre unha trama de malversación de material militar por un valor que rolda os tres millóns de euros.

Os detidos son 15 presuntos integrantes de organizacións criminais e outros 15 funcionarios locais entre os que se atopan, por exemplo, tres responsábeis da cidade de Járkov e sete dos oblast de Leópolis, Chernígov ou Yitomir, nunha mostra máis da corrupción na que se atopa inmerso o Estado de Ucraína.