A historia da lingua galega, ilustrada e en primeira persoa

A lingua galega, protagonista da campaña de apoio ao Estatuto do 36. (Ilustración: Idoia de Luxán)
A UVigo vén de presentar un libro de banda deseñada sobre o idioma.

A Área de Normalización Lingüística da Universidade de Vigo (UVigo) vén de editar un libro de banda deseñada que narra a historia da lingua galega desde o seu nacemento até a actualidade, unha homenaxe ao idioma propio e, tamén, unha chamada urxente a contar con el en todos os eidos da vida.

En A lingua galega é a propia lingua quen asume o rol de narradora para contar a súa historia. É o idioma quen rememora os fitos que marcaron a súa evolución ao longo dos séculos. Desde a Idade Media, cando "era a lingua falada por toda a poboación", até a actualidade, cando "cada vez contan menos comigo, sobre todo a rapazada".

Este pequeno volume ía para almanaque, "mais a calidade das ilustracións, da autoría de Idoia de Luxán, e o coidado co que as técnicas de normalización, Eva Castro Figueira e Cristina Rodríguez Ricart, elaboraron os textos que as acompañan, animounos a darlle unha volta á idea inicial", explica a Nós Diario a vicerreitora de Extensión Universitaria, Susana Reboreda.

A universidade ficou sen o calendario que cada ano deseña o seu equipo de Normalización Lingüística pero gañou, a cambio, unha publicación máis duradeira que narra de forma visual e accesíbel a historia da lingua galega.

A estrutura da obra respecta a escolla orixinal de 12 momentos históricos que dan conta do paso do tempo e explican o desenvolvemento da lingua como un dos símbolos máis representativos e importantes da Galiza, cos seus períodos de esplendor, de escurantismo, de rexurdimento, represión e clandestinidade. 

O galego, personificado, preséntase en feminino e con voz propia: "Ola, son a lingua galega, a miña nai chamábase latín e nacín na Gallaecia, de aí o meu nome". Este relato en primeira persoa acompaña cada banda deseñada e conta co apoio dunha pequena descrición que ofrece contexto histórico a cada fito lingüístico: o nacemento da lingua, a aparición dos primeiros textos escritos, o momento en que dá o salto á poesía lírica, cando perde presenza en favor do castelán até desaparecer dos usos formais nos Séculos Escuros... 

A viaxe ilustrada pola historia da lingua chega até os nosos días, "e aínda que ten momentos duros, como o actual, no que os datos apuntan que a xente nova non fala moito galego e nos invade certo pesimismo, este libro quere achegar esperanza e contribuír ao futuro do idioma e da cultura galega", salienta Reboreda. 

Ilustración histórica 

O galego, di, é a lingua de numerosas artistas que se dedican ao cine, á música, á poesía, á banda deseñada... como a ilustradora e deseñadora gráfica Idoia de Luxán, responsábel da narrativa visual desta obra.

"Foi moi emocionante completar este traballo. Son galegofalante e para min é un orgullo e unha sorte ter un idioma propio, coa súa historia, traxectoria e difusión", afirma a este xornal.

Para a creadora foi todo un reto decidir "un estilo común para todas as épocas". Viaxou no tempo, revisou a historia e documentouse para achegar unha mirada crítica desde a ilustración dixital "e sen ningunha axuda da intelixencia artificial". 

O libro, gratuíto, dirixido á comunidade universitaria e ao  alumnado de Secundaria axiña estará dispoñíbel para a súa descarga en formato dixital.