A recollida de voces para o 'Proxecto Nós' chega á Limia

A plataforma, denominada Common Voice, conta con 700.000 frases en galego que necesitan ser lidas, co obxectivo de alcanzar un total de 1.000 horas de gravación.
José López e Valentín Gómez, esta terza feira en Xinzo de Limia (Foto: Nós Diario).
photo_camera José López e Valentín Gómez, esta terza feira en Xinzo de Limia (Foto: Nós Diario).

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, animou esta terza feira á sociedade desde Xinzo de Limia a participar na campaña de doazón de voz posta en marcha no marco do Proxecto Nós, a iniciativa da Xunta da Galiza en colaboración coa Universidade de Santiago (USC), para impulsar a incorporación do galego no ámbito dixital.

Neste sentido, o titular de Cultura lembrou a importancia da colaboración da poboación para "seguir avanzando na xeración de recursos para poder interactuar en galego nas plataformas".

A iniciativa busca recompilar a fala de distintos lugares, contando coa variedade fonética e dialectal da Galiza, así como de persoas de distinto xénero e idade. Esta é a segunda vez que leva a cabo esta campaña, 'Agasállanos coa túa voz', tras as experiencias de Porto do Son (comarca de Noia) e Melide (comarca homónima) o ano pasado.

Agora chegarase a 16 concellos de diferentes comarcas galegas de maneira que as persoas que o desexen poidan acudir ás aulas dos Centros para a Modernización e a Inclusión Tecnolóxica (CEMIT) habilitadas pola Xunta con computadores e internet para uso da cidadanía presencialmente e facilitar a súa mostra vocal. 

Aplicacións

No acto, o secretario xeral da Lingua, Valentín Gómez, explicou que no Proxecto Nós xa se pode experimentar libremente con tres aplicacións baseadas en redes neuronais artificiais desenvolvidas en fase de demostración: unha ferramenta que permite a conversión de texto a voz, o primeiro tradutor neuronal feito na Galiza e un sistema de recoñecemento da fala.

Para este último recurso, que permitirá que calquera máquina recoñeza a voz dunha persoa cando se dirixa oralmente a ela en galego, é polo que se pon en marcha esta campaña presentada esta terza feira. 

A plataforma, denominada Common Voice, conta con 700.000 frases en galego que necesitan ser lidas, co obxectivo de alcanzar un total de 1.000 horas de gravación. Gómez lembrou, ademais, que nas próximas semanas poranse en marcha dous proxectos piloto que teñen que ver con melloras no tradutor Gaio e coa integración dunha voz feminina que posibilite a escoita en galego de todo o contido presente na web institucional.

Comentarios