Marcos Maceira e Elsa Quintas: "A idea de que podes usar o galego sen ningún problema é falsa"

O presidente e e a vicepresidenta da Mesa presentan presentan 'Liberdade para o galego', un libro que radiografía a situación da lingua.
Marcos e elsa
photo_camera Marcos Maceira e Elsa Quintas na presentación do libro na Estrada (Foto: C. Garrido)

Liberdade para o galego. Política, uso e disposición da lingua (Laiovento, 2024) vén de saír do prelo e tivo esta terza feira na Estrada (Terra de Montes) a súa primeira presentación. Foi nun acto no Museo do Móbel e da Madeira (MOME), organizado pola Asociación Cultural Vagalumes e que contou coa presenta dos autores do libro —Marcos Maceira e Elsa Quintas, presidente e vicepresidente da Mesa pola Normalización Lingüística— e de Pablo García, presidente da Asociación de Medios en galego (Amega). A seguinte parada é hoxe, no Festigal, Compostela, ás 17 horas. 

"A idea deste libro nace da necesidade de recompilar e pór por escrito todo o traballo que levamos feito en informes, estudos...para a ONU ou o Consello de Europa sobre a situación do galego", explica Elsa Quintas a Nós Diario. "Pensamos que estaría ben difundir todo isto ao público en xeral, para que teña así unha perspectiva máis clara de cal é a situación do galego", apunta Marcos Maceira.

O presidente da Mesa lembra que se fan 20 anos da aprobación por unanimidade no Parlamento galego do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega. "Se contrastamos o articulado daquel plan coa realidade do seu cumprimento vemos que non houbo nin hai vontade polo Goberno galego dunha política lingüística para reverter a situación do idioma", di Maceira. "Moitos dos problemas [da lingua galega] teríanse solucionado de cumprise aquel Plan", sentenza Elsa Quintas.

Liberdade de uso

Os autores de Liberdade para o galego coinciden en que existe un "recoñecemento no plano formal dos dereitos lingüísticos que non se plasma despois na realidade". Marcos maceira apunta a que "a idea de que hai unha liberdade absoluta para o uso do galego sen ningún problema é falsa".

Neste sentido, a vicepresidentada Mesa enumera situacións do cotiá onde ser atendido en galego implica por parte da persoa "investir forzas e tempo". Por exemplo, indica," se vas a un rexistro notarial e pides o documento en galego, por moito que te ampare a lei, xa podes ter paciencia; ou se te vas operar e pides a folla de consentemento en lingua galega, igual". Son pequenos exemplos, indica, mais que mostran unha realidade na que o galego está subordinado.

"O libro é unha radiografía da situación do galego e do porqué  da súa situación", manifesta Marcos Maceira. "Hai a tendencia a pensar de que cando un ten un problema por usar o galego é un caso illado, e non, cada ano só na Mesa recibimos máis de mil queixas sobre vulneración de dereitos lingüísticos". Para a coautora do libro, o propio título quer cuestionar que "exista esa liberdade que din para o galego".

Neste sentido, a obra —con limiar da profesora honoraria da UDC e escritora Pilar García Negro e do ex secretario xeral de Kontseilua, Paul Bilbao— consta de 8 capítulos nos que Maceira e Quintas debullan a situación sociolingüística e a do galego no ensino, na xustiza, na administración, nas televisións e plataformas, na economía, no comercio, na saúde, nos xoguetes ou no lecer.

Mais, indica Maceira, "todo isto non é irreversíbel, pódese mudar se hai esa vontade a nivel social e esta colle impulso". 


Unha voda con intérprete e a UNED só en español

"Se contraes matrimonio nun xulgado e o oficiante non quere facela en galego, pois non se fai en galego", afirma Elsa Quintas, por moito que así o pidan as persoas contraintes. Isto deu lugar a situacións "surrealistas", como a de hai uns anos en Ferrol, "onde a parella casou cun intérprete de galego".

Outra de "surrealismo" que fornece a coautora do libro é sobre a UNED e a súa negativa a admitir exames en galego. "En 2004, a unha pregunta no Congreso de Francisco Rodríguez sobre o uso do galego na UNED, o Goberno respondeu que se podía usar sen problema. A mesma pregunta, formulada en 2024 por Nestor Rego, o Goberno respondeu que a UNED está centralizada en Madrid e o idioma é o castelán. Daquela a agora non houbo ningún cambio normativo que así o fixase ou estabelecese".

Comentarios