Localizados en Mesía os corpos de José Galán e Manuel Ramiro, asasinados pola Garda Civil en xuño de 1952

Traballos de exhumación no cemiterio de Visantoña, en Mesía. (Foto: ARMH)

Os corpos de José Galán e Ramiro Souto, dous veciños de Culleredo (comarca da Coruña) asasinados pola Garda Civil en xuño de 1954, foron atopados onte nunha foxa común en Mesía (comarca de Ordes). Un achado que desde a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH) celebran como unha "homenaxe a todas as 
persoas represaliadas".

A ARMH localizou esta quinta feira os dous corpos que buscaba no cemiterio de Visantoña, Mesía. Trátase de José Galán Núñez e Manuel Ramiro Souto, ambos os dous nacidos na parroquia de Almeiras, en Culleredo (comarca da Coruña), e que formaron parte da guerrilla antifranquista.

O achado dos corpos é "a mellor homenaxe que se lle pode facer a todos os homes e mulleres que foron asasinados por defender a liberdade tanto na Galiza como no Estado español", sinala a Nós Diario Marcos González, integrante da ARMH que participou nos traballos de exhumación en Mesía. 

Galán e Souto, segundo explica a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica, foron asasinados a tiros por axentes da Garda Civil o 22 de xuño de 1952, cando se refuxiaban na corte da vivenda de Lino Lata Vázquez.

A presenza destes dous homes de perto de 30 anos de idade nas inmediacións da casa de Lata fixera saltar as alarmas do corpo policial, que enviou ao lugar un destacamento de Mesía. Cando os detectaron, Galán e Souto estaban en compañía do tamén guerrilleiro Juan Couto Sanjurjo 'Simeón', que finalmente condenado nun Consello de Guerra, acusado de "formar partidas armadas dedicadas á bandidaxe e o terrorismo", a 30 anos de cadea.

Os corpos de Galán e Ramiro foron soterrados unha semana despois nunha "foxa aberta ao efecto, distante dous metros da esquina dereita da parte posterior da Igrexa e a un metro do muro de feche do cemiterio". 

Con esta información, "baseada tanto en documentación conservada como en testemuños orais da veciñanza de Visantoña, que axudaron moito", informa González, a pasada terza feira, con algúns dos familiares de Galán e Souto presentes, o equipo da ARMH comezou as tarefas de busca da fosa común no camposanto. 

Galán e Souto están enterrados "onde querían os seus asasinos", lamenta González. "Agora as familias poderán enterrar estas vítimas onde eles decidan", conclúe. 

Traslado dos corpos

Nesta liña, o consistorio de Culleredo trasladou a súa vontade de colaborar. O alcalde, José Ramón Rioboo, púxose a disposición das familias "toda vez se confirme a identidade dos restos". "A falta da confirmación oficial sobre a orixe dos restos, e unha vez se realicen as comprobacións pertinentes, o Goberno local anuncia que facilitará todos os trámites e procedementos que teñan que levar a cabo os familiares no caso de querer trasladar os restos mortais", indica o rexedor. 

Este proceso requiriría a autorización tanto da Xunta da Galiza como do Concello de Culleredo, de acordo cos regulamentos de Policía Sanitaria Mortuoria vixentes na Galiza, así como coa normativa local. Rioboo sinala que "tanto por defender a súa honorabilidade como en apoio da Lei de Memoria Democrática, estaremos de lado das familias para prestarlles apoio nun proceso no que terán que intervir todas as administracións".