O GOBERNO ESPAñOL PREPARA XA O VETO ANTE O TC

O goberno catalán convoca a autodeterminación

Artur Mas asina o decreto de chamado ás urnas o 9 de novembro en presenza de ERC e as CUP, ademais de colectivos cidadáns, e o Goberno español xa prepara o anuncio do veto. A lei de consultas foi publicada antes da sinatura do decreto.

mas-cropII
photo_camera Artur Mas.

O presidente da Generalitat, Artur Mas, asinou este sábado ás 10.35 horas o decreto de convocatoria dunha consulta de autodeterminación para o domingo 9 de novembro, que en principio será automaticamente prohibida polo Goberno español, utilizando para ese propósito a súa forza xudicial. 

O Goberno central porá a funcionar a súa forza xudicial para prohibir que Catalunya decida o seu futuro como vén de facer Escocia, por exemplo

O secretario do Govern de Catalunya, Jordi Baiget, leu xusto antes da sinatura o decreto en presenza do Govern encabezado polo seu presidente; da presidenta do Parlament, Núria de Gispert, e dos líderes de ERC, Oriol Junqueras, e das CUP, David Fernández, ademais do presidente do Consell Assesor per á Transició Nacional (CATN), Carles Viver Pi-Sunyer. Segundo as informacións que chegan desde Barcelona, non houbo presenza de ICV nin do PSC, forzas con ascendencia estatal que supostamente apoian o referendo pero manteñen certas distancias. 

O decreto asinouse minutos despois de que o Diari Oficial da Generalitat (DOGC) publicase a nova Lei de Consultas -co que esta norma entrou en vigor-, e o decreto estará en funcionamento en dous días, o que obriga a apurar ao PP e os seus gobernos, claramente decididos a impedir unha chamada ás urnas semellante á que, sen maior problema, tivo lugar en Escocia hai uns días, de xeito democrático. 

Máis en Països Catalans
Comentarios