O Consell de Garanties Estatutàries (CGE) avalou, aínda que con catro votos particulares entre os seus nove membros, a constitucionalidade de todo o texto da nova lei de consultas que o Parlament prevé aprobar en setembro e na que basea o referendo de autodeterminación previsto para novembro.
Nas súas conclusións, o CGE considera que non se vulnera a Constitución nin o Estatut, e houbo catro votos particulares a este dictame: os emitidos por Pere Jover, Eliseo Aja, Marc Carrillo e Carles Jaume Fernández.
O presidente do CGE, Joan Egea, e dous vocales, Àlex Bas e Francesc de Paula Caminal, foron elixidos a proposta de CiU, mentres que ERC propuxo a Jaume Vernet e Joan Ridao, PSC a Pere Jover e Eliseo Aja, ICV-EUiA a Marc Carrillo e PP a Carles Jaume Fernández.
Malia a súa posición favorábel á consulta, un dos votos particulares en contra foi formulado por Marc Carrillo, que forma parte do CGE a proposta de ICV-EUiA, forza federalista cuxo representante neste organismo incide en que a proposición de lei contén unha vulneración parcial da Constitución e o Estatut en tres dos seus preceptos "derivado da aplicación das categorías xurídicas que son propias do referendo a unha forma de participación cidadá que a proposición de lei prescribe que non o é".