Unió dá liberdade de voto para segunda pregunta da consulta

O sector independentista de UDC, satisfeito cunha decisión do Consell Nacional que “admite por vez primeira a independencia como unha opción propia”.

Unió UDC catalunya

Unió Democrática de Catalunya (UDC) dá liberdade de voto á súa filiación para a segunda pregunta da consulta do 9N (“Quere que Catalunya sexa un estado independente?”), unha decisión que supón por primeira vez que o partido demo-cristiano admite a independencia como unha opción propia, afirma o sector máis soberanista.

O Consell Nacional extraordinario que decorreu este domingo prolongouse durante máis de tres horas e no mesmo producíronse máis de medio cento de intervencións. “Un debate apaixonante, vivo mais sen tensión”, apontan desde medios como Vilaweb ou Nació Digital. Este último, ademais, destaca que Durán i Lleida “non abriu a boca”.

"Non nos deixan outra opción"

Deste debate saiu a postura de UDC: defender a consulta e o si na primeira das preguntas (“Quere que Catalunya sexa un estado?”), dando liberdade de voto na segunda. O sector independentistas está máis que satisfeito, pois supón que “se vai poder facer campaña polo Si-Si”.

Segundo Nació Digital, mesmo cargos importantes de Unió como Núria de Gispert (presidenta do Parlament) defenderon no debate o Si Si porque “se ben non son independentista, (o Estado) non nos deixa outra opción”. Unha liña na que tamén incidiría Joan Rigoll (ex-president do Parlamento e coordinador do Pacte Nacional pel Dret a Decidir)

Máis en Països Catalans
Comentarios