BNG acusa PSOE e PP de actuar como "siameses políticos" coa AP-9: "Intercambian papeis en función de quen goberne"

Luís Bará, viceportavoz e deputado do BNG, (Foto: Nós Diario)

O BNG acusou o PSOE e o PP de actuar como "siameses políticos" coa súa postura sobre o traspaso e rescate da AP-9, xa que "se intercambian os papeis en función de quen goberne" cunha "repetición literal" do "mesmo argumentario".

Así o aseverou o deputado nacionalista esta segunda feira Luis Bará nunha rolda de prensa no Parlamento galego, onde lamentou o "culebrón político interminábel" ao redor da Autoestrada do Atlántico.

Tras a semana na que o Congreso aprobou a toma en consideración do cuarto intento lexislativo da Cámara galega por lograr o traspaso e de que o ministro de Transportes, Óscar Puente, puxese o foco no custo dun hipotético rescate da infraestrutura, Bará cargou contra a actitude de socialistas e populares.

Segundo o deputado, estas forzas "votan a favor na Galiza e en contra en Madrid do mesmo" e actúan "cunha falta absoluta de seriedade e de rigor" en "como se calculan os custos" do posíbel rescate, que debería partir dunha análise dos "técnicos e xuristas", algo que, segundo Bará, aínda non fixeron nin a Xunta nin o Goberno estatal.

Así as cousas, advertiu que o Bloque "non vai consentir" que PP e PSOE empreguen "artimañas" na tramitación parlamentaria da lei do traspaso "presentando emendas e pedindo prórrogas" para que a proposta da Cámara galega "morra nalgún dos escuros caixóns do Congreso".

Por iso, instou a cumprir o acordado polo Parlamento galego en maio e polo Congreso agora e que “é exactamente o mesmo”, a transferencia da AP9 -“que se faga ademais como pedimos pola vía de urxencia”, recalcou- e que se rescate a concesión, tendo en conta que hai un procedemento aberto pola Comisión Europea que é unha grande oportunidade que hai que aproveitar.

Nesta liña, subliñou o importante papel que debe xogar a Xunta da Galiza, polo que reiterou a petición do BNG para que tamén “faga os seus deberes” e cumpra co acordo parlamentario remitindo á Cámara galega un estudo coa valoración económica do rescate da autoestrada, para o que dispón de todos os recursos necesarios, tanto xurídicos, como técnicos e económicos.

O viceportavoz nacionalista tamén lembrou que foi o BNG quen pelexou a bonificación das peaxes, que se concretaron en 37 millóns de euros en 2021. “Agora hai un compromiso negociado para seguir incrementando estas bonificacións e tamén para aplicalas á AP-53, quen ten que concretar esa cuestión nos Orzamentos do Estado é o PSOEa e o BNG vai exixir que se cumpra este acordo”, incidiu logo de explicar que, dado que a partida reservada para as bonificacións non foi aínda esgotada, “daría marxe para aplicar novas bonificacións sen ter que agardar á aprobación dos orzamentos”.