O BNG denuncia que PP está "xogar coa saúde" este verán polo "feche de camas e urxencias desbordadas"

Iria Carreira con traballadoras e traballadores do Hospital Clínico de Santiago esta segunda feira (Foto: Nós Diario).
A deputada nacionalista no Parlamento galego, Iria Carreira, reuniuse esta segunda feira con persoal do Hospital Clínico de Santiago e criticou o que considera é "unha política de recortes continuada".

O BNG denunciou esta segunda feira o que considera unha "situación crítica" da sanidade pública galega e acusou ao PP de "xogar coa saúde"  de pacientes este verán "con feches de camas e urxencias desbordadas". A deputada nacionalista no Parlamento galego, Iria Carreira, asegurou en declaracións aos medios de comunicación, ante o Hospital Clínico de Santiago que "hai unha política de recortes continuada que pretenden xustificar coa redución das patoloxías respiratorias". Neste sentido, denunciou que hai persoas "en cuartos compartidos con até tres pacientes e sen garantir o respecto á intimidade".

Ademais, a deputada argumentou que o novo conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, "consigna as mesmas receitas dos seus antecesores, recorte na sanidade pública e engórdase a privada, con recortes orzamentarios e de persoal". Carreira, tras reunirse con representantes do persoal do centro hospitalario compostelán, afirmou que "hai unha deterioración constante e programada por parte do PP, as urxencias hospitalarias postas contra as cordas con feche de camas e listas de agarda que se converten en habitual".

Puxo como exemplo que "neste centro hai 20 persoas agardando por cama, mais iso non é exclusivo do Hospital Clínico, repítese con pacientes da rede pública", asegurou tamén ao reprochar, ademais, "o feche de case 800 camas sanitarias na rede pública a principios de verán".

Alén diso, Carreira cifrou en "45.000" as persoas "pendentes dunha cirurxía a finais de 2023, 10.000 máis que en 2019", ademais da "falta de matronas en Vigo". Por último, insistiu en que  "a contratación de persoal está sustentada na precariedade, xogando coa saúde de toda a poboación". 

“Eficacia” para Sanidade

En resposta ás críticas do BNG, a Consellaría de Sanidade reivindicou a "eficacia" do plan posto en marcha "para garantir a asistencia sanitaria no verán".

A través dun comunicado, este departamento da Xunta da Galiza pon como exemplo a atención prestada na ponte festiva do 15 de agosto, "que levou a cabo con normalidade, sen incidentes destacábeis en toda a Comunidade". Ademais, argumenta que "a planificación e previsión de camas hospitalarias no verán realízase en función de estudos exhaustivos".