O BNG denuncia a "estafa do PP" de pagar a Abanca 9,3 millóns polo Cine Fraga

Fachada do edificio do Teatro Cine Fraga de Vigo. (Foto: Nós Diario)

Afirman que o que busca o Partido Popular é “un claro exemplo de mala xestión que pretende dilapidar recursos”.

O BNG lanzou unha “ofensiva” institucional para evitar a "estafa do PP" de pagar a Abanca 9,3 millóns de euros polo Teatro Cine Fraga de Vigo, ao considerar que esa operación "dilapida" diñeiro público.

En concreto, a formación nacionalista anunciou que trasladarán iniciativas no Concello de Vigo, na Deputación de Pontevedra e no Parlamento da Galiza para converter este inmóbel nun grande espazo cultural público para a cidade, pero sen pagar tales cantidades millonarias.

Así o manifestaron o portavoz do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, a deputada provincial Manuela Rodríguez, e a deputada no Parlamento galego Carmela González, nunha rolda de prensa conxunta na que defenderon a necesidade de cooperación entre as tres Administracións a través dun consorcio público-privado ou doutra fórmula administrativa para a adquisición ou cesión gratuíta do uso do histórico inmóbel.

Igrexas, Rodríguez e González afearon que o PSOE e o PP "non se acordaron en 16 anos do Teatro Cine Fraga" até a pasada campaña das eleccións galegas.

Dilapidar recursos

Desde o BNG lamentan que a compra que pretende o PP desde a Xunta da Galiza e a Deputación, e que no seu momento foi tamén formulada polo alcalde, Abel Caballero (PSdeG), constitúe "un claro exemplo de mala xestión que pretende dilapidar recursos".

A pesar de que agora o Goberno local convocou un pleno extraordinario para esta sexta feira co obxectivo de pedir a Abanca que ceda o Cine Fraga ao Concello, o BNG avanzou que presentará unha "emenda á totalidade" desa moción formulada polo PSdeG ao discrepar dos termos da mesma.

En primeiro lugar, segundo a formación nacionalista, unha doazón ao Concello "limita as posibilidades de recuperar o uso público do inmóbel". Ademais, valorou como "xogos sectarios e partidistas" que o PSdeG queira incorporar na ecuación a Zona Franca e o Ministerio de Cultura, ambos os dous dirixidos polo partido socialista.