O BNG fixa como prioridade en Europa a defensa dos sectores produtivos e un modelo xusto para a maioría social

Ana Pontón e Ana Miranda esta terza feria na Coruña (Foto: Nós Diario)
Pontón e Miranda presentaron o programa electoral cara ao 9-X

A defensa dos sectores produtivos e un modelo de Europa xusto para unha maioría social son dous dos eixos sobre os que pivotan as prioridades do BNG de cara ás eleccións europeas do 9 de xullo. A portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, e a cabeza de lista da candidatura ás eleccións europeas, Ana Miranda, presentaron na Coruña o programa electoral co que o BNG concorre aos comicios e que se basea en 10 grandes principios.

“O escano galego vai servir para a defensa dos intereses do noso país, pero tamén para axudar a construír unha Europa xusta e solidaria que aposte pola redistribución da riqueza, unha Europa feminista, na que ningunha persoa sexa discriminada pola súa orientación sexual e unha Europa de acollida, coa man tendida ás persoas migrantes e refuxiadas”, afondou Pontón nun acto no que tamén participou o portavoz municipal na Coruña, Francisco Jorquera.

A líder nacionalista apostou así por unha UE que “blinde os servizos públicos” e que non alimente “a cobiza dos lobbies e da banca, que poña por diante ás persoas”. En definitiva, resumiu, unha Europa “sustentábel, antiimperialista, antifascista e que loite pola paz no mundo”. 

"Voz e voto"

Na mesma liña se pronunciou Ana Miranda, quen recordou que “o escano do BNG é o escano de Galiza en Europa” .  “Quedou claro que cando hai relevancia dun tema europeo en Bruxelas é porque foi ou está da man do BNG”, dixo para exemplificar en cuestións tan concretas e relevantes como as vítimas do Alvia, a ría do Burgo, o Corredor Atlántico ou a AP-9.   

Neste contexto, tanto Pontón como Miranda afondaron nun programa electoral asentado sobre 10 grandes principios, a comezar porque a Galiza teña “voz e voto” en Europa en todos os asuntos que lle afecten directamente.

Neste sentido, o BNG incorpora propostas concretas como unha nova política agraria que permita a soberanía alimentaria, a aposta pola produción agrogandeira de proximidade ou un reparto xusto das axudas da PAC, tendo en conta a dispersión da poboación, a calidade dos alimentos e a protección ambiental. No ámbito pesqueiro, afirman que segurián pelexando para que a Galiza sexa recoñecida como zona altamente dependente da pesca e reclamando a supresión do principio de estabilidade relativa ou poñer fin á competencia desleal de terceiros países no sector da conserva.

Un modelo económico que sexa xusto para a maioría social e para a clase traballadora é o outro principio dun programa que tamén inclúe propostas concretas neste sentido como o reforzo dos servizos públicos, unha renda social europea, a redución da xornada laboral a 35 horas para facilitar a conciliación e que se graven as transaccións económicas especulativas, así como a supresión dos paraísos fiscais.

Tamén incorpora a cohesión entre territorios e a sustentabilidade enerxética e ambiental para que Galiza non sexa discriminada ou mesmo quede desconectada das infraestruturas do século XXI, nin tampouco sexa obxecto do espolio enerxético nin a degradación do seu territorio