Pontón liga a presenza da Galiza en Bruxelas ao escano do BNG: "Xogámonos moito"

A portavoz nacional afirma que se Galiza "existiu" ante a UE foi polo BNG.
Ana Pontón e Ana miranda (Foto: Nós Diario).
photo_camera Ana Pontón e Ana Miranda, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)

“Galiza existiu en Bruxelas todos estes anos grazas ao BNG da man de Ana Miranda", afirmou esta quinta feira a portavoz nacional da formación nacionalista, Ana Pontón, no Encontro de cargos orgánicos e institucionais que decorreu en Compostela. Unha afirmación que vinculou coa necesidade de “activarse” ao máximo de cara ás eleccións europeas do 9-X explicando directamente á veciñanza "a importancia de termos voz propia en Europa". 

A líder naciomalista entende que "a mobilización" desde a base e os concellos será o factor "definitivo" para que o BNG "siga sendo a voz da Galiza en Bruxelas".

"Somos unha organización que sempre que temos un reto por diante, coa forza dos nosos militantes, somos imparábeis. Volvamos facelo o 9 de xuño", aseverou Pontón ante ao redor dun centenar de cargos locais que participaron neste acto.

Ante eles, Pontón subliñou a importancia do  traballo de Ana Miranda para trasladar a mensaxe de que a Galiza "se xoga moito" nestas eleccións porque as decisións que se toman en Bruxelas "afectan directamente ao día a día da xente".

BNG europeas
Encontro en Compostela de cargos institucionais e orgánicos do BNG

Por todo iso, convidou os cargos e representantes nacionalistas  a "activarse ao máximo" para incidir na mensaxe de que "aínda que pareza que Bruxelas queda moi lonxe, está moi perto porque as súas decisións condicionan gran parte da vida dos galegos e galegas no día a día".

As eleccións van a se desenvolver, advertiu, nun contexto no que “o PP vai repetir a mesma campaña sucia que fixo nas eleccións galegas”, utilizando tamén a TVG, “a televisión que pagamos todos e todas”, como un “medio ao seu servizo de intoxicación á sociedade”.

"Bulos do PP"

“Estamos ante un PP que ten na mentira, os bulos e a intoxicación a única maneira na que sabe facer política”, recalcou.  “Fronte a un Partido Popular sen alternativas, no BNG falaremos das nosas propostas con orgullo para defender os intereses de Galiza”, concluíu.

Comentarios