Crónica

O Congreso insta o Goberno estatal a rematar coas peaxes na AP-9

Néstor Rego (BNG), Celso Delgado (PP), Montserrat García (PSdeG) e Manuel Lago (Sumar). [Fotos: Europa Press]

A Cámara Baixa española, coa abstención do PSOE e o voto negativo de Vox, acordou reclamar ao Goberno do Estado a anulación da concesión da AP-9 e a supresión das peaxes nesta vía. A iniciativa, do BNG, está en liña co solicitado pola Comisión Europea no seu expediente sancionador contra o Estado.

Só dous días despois de aceptar a trámite unha proposición de lei do Parlamento galego que reclama a transferencia á Galiza da xestión da AP-9, o Congreso dos Deputados aprobou unha moción do BNG que demanda rescindir a Audasa a concesión da Autoestrada do Atlántico que garantiría a gratuidade da vía. A iniciativa contou co voto favorábel da maioría dos grupos da Cámara, coa abstención do PSOE, PNV e Junts, e coa oposición de Vox.

A proposta da formación nacionalista, transaccionada finalmente co Partido Popular, defende “anular a prórroga de 25 anos outorgada á concesionaria da AP-9, que deu inicio o 18 de agosto de 2023”, “asumir a xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes”, “realizar de forma inmediata un estudo en que se exploren as vías xurídicas para a anulación da prórroga da concesión da Autoestrada do Atlántico e sexan avaliados os custos económicos que tería para o Estado” e “impulsar a transferencia da AP-9 á Galiza”. Neste sentido, coincide na súa literalidade cunha proposición non de lei aprobada anteriormente por unanimidade na Cámara galega.

O promotor da iniciativa, o deputado nacionalista Néstor Rego, sinalou na súa defensa que “a AP-9 é unha vía vertebral no eixo atlántico galego, ao redor do cal se articula un territorio con máis do 70% da poboación da Galiza, os tres aeroportos, todos os portos de interese xeral e tamén  a maior parte da actividade económica e empresarial do noso país. Por tanto, manter esta vía de pagamento durante 75 anos, para alén de inxusto, castiga  economía das familias e prexudica a competitividade das empresas galegas”. Nesta liña, denunciou que “o mantemento das peaxes na AP-9 representa non só un castigo para todos os galegos e galegas senón unha clara discriminación coa Galiza”.

O deputado popular Celso Delgado afirmou, en apoio á proposta, que "non ten sentido que se pretenda reducir todo a continuar co sistema de bonificacións cando o propio líder do PSOE na Galiza, e de conformidade con Pedro Sánchez, comprometía a gratuidade da AP-9 en campaña electoral". Nesta dirección, apuntou que "a única maneira de que poidamos sacar isto adiante é con intelixencia, con prudencia, analizando a viabilidade das súas consecuencias xurídicas e económicas, pero sen renunciar no obxectivo final: que a cidadanía galega poida circular de balde por unha infraestrutura que durante anos pagaron a un prezo desorbitado".

Montserrat García, deputada socialista pola circunscrición da Coruña, criticou o acordo adoptado pola maioría da Cámara Baixa. Neste sentido, asegurou que “BNG e PP selaron hoxe un pacto para tratar de seguir confundindo aos galegos e ás galegas sobre a AP-9, e o PSOE non vai participar nese teatro”. A este respecto, afirmou que “PP e BNG únense para a confrontación que nada aporta e que non aforra nin un euro. Mentres seguen intentando confundir aos galegos e ás galegas, nós imos seguir mirando polo seu peto e traballando para acabar coa desigualdade territorial inxustamente imposta polo Partido Popular”.

O deputado de Sumar pola Coruña, Manuel Lago, advertiu de que a ampliación da concesión da AP-9 a Audasa “está a ser investigada pola propia Comisión Europea” e criticou a subvención das peaxes aos usuarios da AP-9 que “até 2048 vainos custar 3.400 millóns de euros de diñeiro público, cando o valor en libros [contábeis] de Audasa é de 472 millóns”. A este respecto, o voceiro de Sumar na Galiza, Paulo Carlos López, indicou que “a posíbel ilegalidade da concesión até 2048 é un argumento máis para que se tome unha decisión valente e xusta. Basta do saqueo de Audasa aos galegos e ás galegas, e basta que o Estado siga engordando a conta de resultados dunha empresa dependente de fondos de investimento”.

O acordo do Congreso dos Deputados de anular a concesión a Audasa chega  cando a Comisión Europea está a tramitar un expediente sancionador contra o Estado español pola prórroga concedida polo Executivo de José María Aznar (PP) no ano 2000 a Audasa para continuar coa explotación da AP-9 até 2048 e reclama o remate da concesión. As autoridades comunitarias consideran ilegal a ampliación da concesión porque “incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE”.

Comisión Europea

A Comisión Europea entende que “a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”. Nesa dirección, demanda ao Executivo español restaurar a legalidade co obxectivo de “garantir a correcta aplicación das normas da Unión Europea en materia de contratación pública e contratos de concesión” e advirte de que no expediente “non se aplicaron os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados”.

As disposicións fixadas no expediente comunitario coinciden coas advertencias formuladas en 2020 polo Consello Consultivo da Galiza. No seu informe dese ano sinala a “improcedencia deses incrementos extraordinarios aprobados como compensación polas obras de ampliación”. A Comisión Galega da Competencia, nun informe de 2021, tamén dubida da legalidade do tempo de concesión e significa que “a última ampliación modificou o prazo máximo de duración destas concesións, que era de 50 anos ao de 75 anos”.

O Estado exponse a multas da UE se non rescinde a concesión da AP-9

A situación legal da AP-9 marcará a axenda do Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostíbel durante o mes de xuño. O Goberno do Estado ten até o día 24 de xuño para presentar alegacións ao procedemento sancionador aberto pola Comisión Europea en relación coa prórroga concedida polo Executivo de José María Aznar no ano 2000 e que permite a Audasa continuar coa súa explotación até 2048.

O expediente remitido ao Goberno español polo comisario de Mercado Interior da Unión Europea, Thierry Breton, sinala que “o verdadeiro obxectivo da prorroga da AP-9 era aumentar substancialmente o seu valor para facela máis atractiva de cara a conseguir unha venda futura, pero xa prevista, máis rendíbel”. Nesta liña, cuestiona os argumentos empregados no ano 2000 polas autoridades españolas.

O Ministerio de Transportes ten agora por diante dúas opcións. Unha posibilidade sería aceptar o requirimento da Comisión Europea e rescatar a concesión da AP-9. Outra alternativa, a máis probábel, consistiría en tentar dilatar o procedemento e manter a xestión da vía nas condicións actuais. Neste caso, o Estado exponse a unha denuncia diante do Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE) e a multas coercitivas a cargo da propio Comisión.

O Goberno italiano, nun caso análogo en relación coa autoestrada A-12 Livorno-Grosseto-Civitavecchia, que percorre a costa da Toscana, acaba de limitar o tempo de concesión até 2028, para pór fin ás repetidas multas impostas pola Comisión Europea.