A Comisión Europea abre un expediente ao Estado español por infrinxir as normas comunitarias na prórroga da AP-9

A Comisión Europea tamén acusa o Estado español de incumprir a lexislación comunitaria sobre contratación pública.
Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).
photo_camera Peaxe na autoestrada AP-9 (Foto: Ana Varela).

A Comisión Europea anunciou esta cuarta feira a apertura de expedientes de infracción ao Estado español por incumprimento, por unha parte, da lexislación comunitaria sobre contratación pública e, por outra, da normativa sobre concesión de autoestradas, nomeadamente no caso da AP-9.

Segundo Bruxelas, o Estado español non aplicou adecuadamente os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, infrinxindo por tanto normas da Unión Europea (UE).

Con esta proposta de sanción, a Comisión Europea busca garantir o respecto da regulación comunitaria sobre concesións, que estabelece a igualdade de trato dos operadores económicos interesados en participar nos procedementos de contratación e o respecto da obriga de transparencia nos procesos.

O Executivo español dispón agora de dous meses para responder e emendar as deficiencias expostas pola Comisión Europea, que, a falta dunha resposta satisfactoria, podería emprender accións contra o Estado ante o Tribunal de Xustiza da Unión Europea (TXUE).

Neste sentido, o ministro de Transportes e Mobilidade Urbana, Óscar Puente, asegurou esta cuarta feira que o Goberno estatal non implantará novas peaxes e que as que seguen vixentes estano polas prórrogas que José María Aznar (PP) deu ás concesións nas autoestradas entre 1996 e 2004, como no caso da AP-9.

O Estado español afronta un segundo expediente por non incorporar á súa lexislación as normas que regulan os contratos públicos e os contratos de concesión antes do 18 de abril de 2016, prazo que incumpriu xunto a Bulgaria e Romanía.

Esta directiva pretende abrir os mercados públicos a unha auténtica competencia entre empresas de toda a UE para garantir unha mellor relación calidade-prezo nas licitacións públicas. Bruxelas sinala que a lexislación española non respecta, en particular, o ámbito de aplicación da directiva no que se refire ao tipo de poderes adxudicadores, contratos e modificacións que deben cubrirse.

Comentarios