O Congreso aproba a iniciativa do BNG para anular a concesión da AP-9, suprimir as peaxes e impulsar a transferencia á Galiza

Néstor Rego anuncia o rexistro da solicitude para que a Proposición de Lei para a transferencia da Autoestrada do Atlántico se tramite pola vía de urxencia.
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).
photo_camera O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego (Foto: Eduardo Parra / Europa Press).

O deputado do BNG no Congreso español, Néstor Rego, conseguiu o apoio da Cámara baixa para instar o Goberno do Estado a iniciar os trámites para a anulación da prórroga da AP-9, a asunción da xestión directa da autoestrada e a supresión das peaxes. A iniciativa contou cos votos a favor de todos os grupos agás o voto en contra de VOX e a abstención de PSOE.

Así mesmo, a iniciativa apoiada recolle o impulso da transferencia da AP-9. Paralelamente, Rego rexistrou a solicitude para que a Proposición de Lei, emanada do Parlamento da Galiza e tomada en consideración polo Congreso, se tramite pola vía de urxencia.

“Hoxe, o obxectivo de termos unha AP-9 galega e libre de peaxe é un obxectivo partillado polo conxunto da sociedade galega, que se sente estafada e discriminada por decisións de Gobernos de Madrid manifestamente inxustas e lesivas para os intereses do noso país” defendeu o deputado do BNG durante o debate da moción.

A proposta de resolución do BNG recolle fielmente o contido do acordo unánime do Parlamento galego. “Por iso, señoras e señores do Partido Popular e do PSOE, espero que voten aquí o mesmo que votaron hai menos de un mes en Compostela. O contrario sería un engano e unha fraude a todos os galegos e galegas”, alegou o nacionalista.

Anular a prórroga e rematar coa discriminación

Alén da transferencia á Galiza, o BNG entende que é inevitábel abordar a cuestión central: o rescate, pondo fin á concesión e anular a prórroga de 25 anos que aprobou no ano 2000 un Goberno de Aznar, do Partido Popular.

O deputado do BNG enumerou varios motivos polos que é preciso rematar con esta discriminación que sofre a Galiza e incidiu no expediente de infracción aberto pola Unión Europea (UE) ao Estado español en 2021 por considerar que as prórrogas da AP-9 “se produciron de forma ilegal ao non cumpriren o principio de concorrencia competitiva”.

Recentemente, neste mesmo ano, a UE abriu un novo expediente de infracción ao Estado español polo mesmo motivo: “Existen, por outra parte, precedentes de casos similares que foron xa resoltos anulando a concesión”, recordou Rego.

“A AP-9 é unha vía vertebral no eixo atlántico galego, ao redor do cal se articula un territorio con máis de 70% da poboación da Galiza, os 3 aeroportos, todos os portos de interese xeral e tamén a maior parte da actividade económica e empresarial do noso país. Por tanto, manter esta vía de pagamento durante 75 anos, para alén de inxusto, castiga e economía das familias e prexudica a competitividade das empresas galegas”, defendeu.

Segundo sinalou o deputado do BNG, non valen os argumentos do ministro (en alusión a Óscar Puente) de que custaría 4.000 millóns de euros e que isto sería excesivo para o Estado. “Para alén de que esa cantidade é máis que cuestionábel e outras estimacións o reducen a menos da metade -por iso incluímos na proposta a realización dun estudo rigoroso que estabeleza como facer e canto vai custar-, non escoitamos ningunha das forzas estatais cuestionar no seu día o rescate das radiais madrileñas que custaron -esas si- unha cantidade superior aos 4000 millóns de euros”, subliñou o deputado do BNG.

“Parece que Madrid xustifica todo e que, por contra, os galegos e galegas temos que pelexar cada euro que se destina ao noso país, a pesar de que saen dos nosos impostos. Pois non imos resignarnos nunca a un trato de segunda. É de xustiza reparar unha flagrante discriminación, custe o que custar”, sentenciou Rego.

Tramitar a Proposición de Lei para a transferencia pola vía de urxencia

O deputado do BNG rexistrou a solicitude para que a Proposición de Lei, emanada do Parlamento da Galiza e tomada en consideración polo Congreso español, se tramite pola vía de urxencia. “É unha cuestión de xustiza despois de terse aprobado cinco veces no Parlamento da Galiza e terse tomado en consideración tres veces no Congreso mais bloqueada por PP e PSOE”, concluíu.

O PSOE critica a iniciativa do BNG: "É unha tomadura de pelo"

A deputada socialista Montserrat García Chavarría sinalou a contradición de que o BNG levase a debate na Cámara Baixa unha moción sobre a AP-9 a mesma semana na que unha delegación do Parlamento da Galiza integrada polos portavoces dos grupos de PSdeG, BNG e PP defenderan no mesmo hemiciclo a toma en consideración da Proposición de Lei de Transferencia da AP-9.

“Hai apenas unhas horas diso, e polo tanto xa non debeberiamos estar debatendo”, sinalou. Tamén chamou a atención sobre a irreponsabilidade que implica exixir sen ningún tipo de consideración o rescate dunha concesión que podería implicar un prexuízo de 4.000 millóns para o Estado.

A parlamentaria socialista tamén lembrou que a prórroga da concesión da AP-9 durante 25 anos máis, até o 2048, decidiuna “un Goberno do Partido Popular co señor Aznar á fronte, e tamén cun Goberno do PP na Xunta, que calou”. Do mesmo modo, apuntou que “só tres anos despois”, no 2003, o mesmo Goberno privatizou a concesionaria, “sometendo unha vez mais aos galegos e ás galegas a maiores cargas financeiras”, ante o que a Xunta da Galiza do PP “calou” de novo.

“BNG e PP selaron hoxe un pacto para tratar de seguir confundindo aos galegos e ás galegas sobre a AP-9, e o PSOE non vai participar nese teatro”, explicou a parlamentaria galega para anticipar a abstención do seu grupo na votación dunha iniciativa que cualificou de “tomadura de pelo”.

Comentarios