O Estado fecha a porta a rescindir a Audasa a concesión da AP-9, que garantiría a gratuidade da autoestrada

A ponte de Rande, sobre a ría de Vigo, é o viaduto máis longo da Autoestrada do Atlántico. (Foto: Europa Press).
O ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, rexeitou esta cuarta feira no Congreso español rescindir a Audasa a concesión da autoestrada AP-9. A negativa chega tras a apertura dun expediente sancionador ao Estado por parte da Comisión Europea, que considera ilegal a prórroga da concesión.

O Goberno do Estado fechou esta cuarta feira a porta no Congreso dos Deputados a rescatar a autoestrada AP-9 para garantir a gratuidade do tráfico nesta vía de comunicación que articula a Galiza atlántica. Neste sentido, o ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel, Óscar Puente, respondeu a unha interpelación do deputado do BNG, Néstor Rego, sinalando que a rescisión da concesión á empresa Audasa, propiedade do fondo de pensións holandés APG a través de Itínere, é “inasúmibel”.

Puente xustificou por razóns económicas a negativa do Estado a liberalizar a Autoestrada do Atlántico. Neste sentido, cifrou os custos da recuperación da concesión en 4.000 millóns de euros e apuntou: “Escoitei dicir que todo é cuestión de vontade política, é unha frase que escoito eu moito. No meu territorio a vontade política é importante, pero os euros o son tamén" e culpou o Executivo español que liderou José María Aznar (PP) de prorrogar á concesionaria a explotación da autoestrada.

O ministro Transportes e Mobilidade Sostíbel negou a urxencia da rescisión da concesión. Nesta dirección, asegurou que “desde logo non ten nada de urxente, pero si ten moito de lamentábel e ten moito que ver co modelo de país que uns e outros defendemos”. As palabras de Puente desta cuarta feira estiveron en liña coas pronunciadas a pasada semana na súa visita á Galiza, onde asegurou que o rescate da AP-9 “non é sinxelo”, pois “suporía unha cantidade de diñeiro enorme” que “terían que pagar todos os españois”.

Néstor Rego defendeu a prioridade da proposta dos nacionalistas. Nesta liña, aseverou que “a reclamación que hoxe trae aquí o BNG, partillada maioritariamente pola sociedade galega, de que deixemos de pagar a estafa legalizada que implican as peaxes da Autoestrada do Atlántico é non só socialmente xusta, senón que ademais se axusta á legalidade”, en referencia ao expediente sancionador da Comisión Europea ao Estado por esta materia.

As radiais madrileñas

Rego rebateu as cifras do ministro de Transportes e Mobilidade Sostíbel sobre o custo da rescisión da concesión. A este respecto, apuntou que “algunhas outras estimacións sitúano ao redor dos 2.000 millóns de euros, ou entre 2.000 e 3.000 millóns de euros, mais eu quero lembrarlle que o Goberno no ano 2021 procedeu a aprobar unha reserva de crédito de 2.300 millóns entre ese ano e 2048 para custear as bonificacións que se estabelecían na AP-9". Na mesma dirección, acusou a Puente de usar escusas de "mal pagador”, aseverando que “custe o que custar, é evidente que sempre será máis favorábel para os intereses públicos pór punto final á concesión da AP-9”

O deputado nacionalista preguntou ao titular de Transportes e Mobilidade Sostíbel “canto custou realmente o rescate das autoestradas radiais madrileñas? 4.000 ou 5.000 millóns de euros?" e indicou que “o certo é que as forzas políticas maioritarias no Estado, o Partido Popular e o Partido Socialista, nunca cuestionan o uso de recursos públicos cando o seu destino é Madrid; parece que iso xustifica absolutamente todo. Pola contra, os galegos e as galegas estamos afeitos a ter que pelexar por cada euro”.

As contas do Executivo

As estimación sobre o custo da rescisión da concesión da AP-9 efectuadas por Puente duplican as elaboradas pola propia Audasa. Así, en maio de 2023, nun escrito dirixido á Comisión  Nacional do Mercado de Valores (CNMV), a compañía cifrou en 1.034 millóns de euros a compensación por responsabilidade patrimonial no caso de perder a xestión da Autoestrada do Atlántico “por causas non imputábeis a Audasa”. Asemade, o Executivo estatal ten destinado 3.300 millóns de euros ao rescate da concesión das sete autoestradas radiais de Madrid, contía que as xestoras das vías elevan a 4.290 millóns de euros. 

 

A interpelación do BNG sobre a AP-9 chegou ao Congreso dos Deputados cando a Comisión Europea está a tramitar un expediente sancionador contra o Estado español pola prórroga concedida polo Executivo de Aznar no ano 2000 a Audasa para continuar coa explotación da AP-9 até 2048 e reclama o remate da concesión. Neste sentido, as autoridades comunitarias consideran ilegal a ampliación da concesión porque “incumpriu as obrigas que lle atinxen en virtude das normas de contratación pública da UE”.

O expediente da Comisión Europea

A Comisión Europea entende que “a prórroga dun contrato de concesión equivale a unha nova concesión, que só pode adxudicarse mediante licitación”. Nesa dirección, demanda ao Executivo español a restaurar a legalidade co fin de “garantir a correcta aplicación das normas da UE en materia de contratación pública e contratos de concesión” e advirte de que no expediente “non se aplicaron os procedementos de licitación na ampliación da concesión de vías de alta capacidade, que estabelecen a igualdade de trato dos operadores económicos interesados”.

As disposicións fixadas no expediente comunitario coinciden coas advertencias formuladas en 2020 polo Consello Consultivo da Galiza. No seu informe dese ano sinala a “improcedencia deses incrementos extraordinarios aprobados como compensación polas obras de ampliación”. A Comisión Galega da Competencia, nun informe de 2021, tamén dubida da legalidade do tempo de concesión e significa que “a última ampliación modificou o prazo máximo de duración destas concesións, que era de 50 anos ao de 75 anos”.

Rego reclama a transferencia da AP-9 a Galiza que Puente rexeita

O debate entre o ministro Óscar Puente e o deputado Néstor Rego (BNG) resultou, en parte, un adianto do fixado para o vindeiro 11 de xuño, onde unha delegación do Parlamento da Galiza acudirá por cuarta vez ao Congreso dos Deputados a defender a lei de transferencia da titularidade da AP-9 á Galiza. Neste sentido, o deputado nacionalista reclamou na súa intervención unha autoestrada “galega e libre de peaxes" e vinculou a súa consecución a unha “cuestión de vontade política, mais tamén unha cuestión de xustiza e para reparar a discriminación histórica coa Galiza".

As palabras de Rego chegaron despois de que a semana pasada o ministro de Transportes rexeitara o traspaso da AP-9 á Galiza porque “a súa configuración faina claramente candidata a ser de titularidade estatal". Nesta liña, a posición defendida por Puente contradí o acordo de investidura asinado entre o BNG e o PSOE, que estabelece o traspaso durante a lexislatura de todas “as competencias que foron obxecto de consenso no Parlamento da Galiza”.

A Cámara galega elixiu na súa sesión desta cuarta feira Alberto Pazos (PP), Ana Pontón (BNG) e José Ramón Gómez Besteiro (PSdeG) para defender o vindeiro 11 de xuño no Congreso dos Deputados a admisión a trámite do proposta unánime do Parlamento galego que reclama a transferencia á Galiza da AP-9. A este respecto, o presidente da institución, Miguel Santalices, desexou "moita sorte" aos dous deputados e á deputada e chanceou con que, se volven "co obxectivo cumprido", acudirá ao Padornelo (Seabra) a recibilos.