A Fiscalía denuncia o ex alcalde de Paradela por falsificación de certificados

José Manuel Mato Díaz (á esquerda), ex alcalde de Paradela e deputado do PP no Parlamento galego, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Nós Diario)

Os feitos polo que o actual deputado do PP está a ser investigado refírense a un conflito coa veciñanza de Paradela durante a pandemia da Covid-19, cando o daquela rexedor decidiu trasladar un contedor do lixo do seu espazo habitual no núcleo urbano.

A Fiscalía Provincial de Lugo vén de denunciar e abrir dilixencias para unha investigación penal contra o ex alcalde de Paradela (comarca de Sarria), José Manuel Mato, actual deputado do PP no Parlamento da Galiza, e a secretaria deste concello, investigados ambos por un delito de falsidade de certificados tipificado no artigo 398 do Código Penal. A denuncia da Fiscalía abre agora no Xulgado un procedemento contra o ex alcalde e a secretaria, en calidade de “investigados” por este caso, xa que a Fiscalía considera posíbel a existencia dun delito.

Nun escrito do pasado 18 de setembro, a Fiscalía propón como dilixencias previas chamar a declarar a José Manuel Mato Díaz (ex alcalde de Paradela e deputado do PP no Parlamento galego) e a Ruth López Mosquera, secretaria do Concello de Paradela, ambos en concepto de “investigados na causa”. A Fiscalía tamén cita como “testemuñas” a Adrián Fernández Juíz (ex tenente de alcalde de Paradela), Ana Belén López Álvarez (concelleira do PP nesta localidade) e María Montserrat Mulet Sar, actual alcaldesa de Paradela desde que en xaneiro deste ano substituíu no cargo a Mato Díaz, que deixou o seu posto no concello logo de 45 anos como rexedor para incorporarse como número 5 na lista do PP por Lugo nas pasadas eleccións galegas, decorridas o 18 de febreiro de 2024.

Os feitos polo que o actual deputado do PP está a ser investigado refírense a un conflito coa veciñanza de Paradela durante a pandemia da Covid-19, cando o daquela rexedor decidiu trasladar un contedor do lixo do seu espazo habitual no núcleo urbano. A veciñanza, moitas persoas maiores con escasa mobilidade, protestou e demandou ao alcalde repor o contedor a carón das vivendas, onde estaba. “Ao día seguinte apareceu unha empresa de limpeza e desinfectou o contedor, e logo chegounos ás veciñas unha factura polo servizo”, explica a Nós Diario veciñanza de Paradela.

“Comezamos a investigar e descubrimos que o alcalde contratou este servizo que nos quería cobrar ás veciñas sen comisión de goberno nin acta preceptiva e pedimos esa documentación” no consistorio. Nese momento, a veciñanza asegura que o alcalde, coa sinatura da secretaria municipal, “colleu outra acta de goberno, cambiou a data e falsificaron o documento”. Este documento e a denuncia da veciñanza serviu agora para que a Fiscalía abra dilixencias contra o ex rexedor e a secretaria (que segue no seu posto no Concello de Paradela) por un delito de falsidade de certificados.

Enfrontamento coa veciñanza

Este problema coa veciñanza provocou tamén outro enfrontamento do ex alcalde de Paradela. Logo de manter unha reunión polo conflito do lixo cun grupo de veciños, denunciou un deles “por agresión e insultos” diante da Garda Civil e posteriormente no Xulgado. Este mesmo mes de setembro decorreu este xuízo co resultado da absolución do veciño acusado. Segundo explican a Nós Diario, “non só non o agredimos nin o insultamos, senón que foi el o que nos insultou, á reunión iamos dúas mulleres e dous homes, e das mulleres mesmo dixo que iamos polo mal camiño”.

O certo é que na súa declaración diante da Garda Civil e posteriormente diante do xuíz o ex alcalde cambiou a versión dos feitos en varias ocasións e, segundo explican os veciños acusados, “non lle serviu nin o parte de lesións que levaba”, asinado pola súa daquela número 2 no Concello e actual alcaldesa, que é médica na localidade.