23-X

'Nós Diario' entrevista os candidatos ao Congreso por Pontevedra

Pedro Pui (PP), Carme da Silva (BNG), David Regades (PSOE) e Verónica Martínez (Sumar) (Foto: Nós Diario).

Nesta campaña electoral de cara ás eleccións estatais do 23 de xullo, 'Nós Diario' achega unha serie de entrevistas aos principais candidatos e candidatas ao Congreso e ao Senado polas catro circunscricións galegas para coñecer os seus programas e propostas. Hoxe é a quenda dos cabezas de lista ao Congreso pola circunscrición de Pontevedra, que son Pedro Pui (PP), Carme da Silva (BNG), David Regades (PSOE) e Verónica Martínez (Sumar).

A cidadanía dos concellos pertencentes á circunscrición de Pontevedra, ao igual que o resto da cidadanía galega, ten unha cita coas urnas o vindeiro 23-X. Nas anteriores eleccións estatais dos sete escanos que se reparten neste territorio tres foron obtidos polo PP, outros tres polo PSOE e un Podemos-EU.

Co obxectivo de coñecer de primeira man os programas e propostas das principais candidaturas, Nós Diario contacta coas persoas que encabezan as candidaturas dos principais partidos de cara ao 23-X.

Pedro Pui (PP): "O PP pactou con Vox onde a votación supuxo unha vontade clara de cambio"

O até agora portavoz parlamentario do PP no Parlamento galego, Pedro Pui, aceptou a encomenda de encabezar as listas dos populares á Cámara Baixa pola circunscrición de Pontevedra. Na entrevista, Pui analiza, entre outras cuestións, os pactos do seu partido coa extrema dereita.

“O PP, onde puido chegar a acordos con forzas máis próximas ideoloxicamente, fixo pactos, coma en Cantabria ou Canarias, e veremos como remata en Aragón. Pactou con Vox onde a votación supuxo unha vontade clara de cambio e non houbo alternativa para garantir a gobernabilidade”, manifestou Pui.

Carme da Silva (BNG): "Temos dous piares: defender os intereses da Galiza e frear os recortes de dereitos"

Da Silva forma parte do equipo de goberno da cidade de Pontevedra e tamén da Executiva nacional do BNG. Nas eleccións estatais de 2019 xa encabezou a lista dos nacionalistas ao Congreso por Pontevedra, encomenda que repite en 2023.

“Nas pasadas xerais tivemos o respaldo da sociedade galega para lograr representación no Congreso, cun traballo extraordinario de Néstor Rego. Neste momento o BNG vén dunhas municipais como a forza política que máis subiu”, indica da Silva.

David Regades (PSOE): "Nas eleccións están en xogo os dereitos sociais e das mulleres e a diversidade"

Ocupa a Secretaría do PSOE en Pontevedra e encabeza a lista ao Congreso por esa circunscrición. O vigués David Regades analiza na súa entrevista todo aquilo que está en xogo o vindeiro 23 de xullo.

“O único que defende Galiza é o PSdeG. Cando Ana Pastor foi ministra, o investimento en Pontevedra foi cero. Paralizou a estación de Vigo, o AVE, as infraestruturas terrestres”, salienta Regades

Verónica Martínez (Sumar): "O sistema de financiamento non é xusto para a Galiza, hai que mudalo"

Até xuño deste ano era directora xeral de Traballo do Ministerio de Traballo e Economía Social do que é titular a líder de Sumar, Yolanda Díaz. A asturiana Verónica Martínez comenta na entrevista as propostas da súa coalición de cara aos comicios estatais

“Nós saímos a gañar o país, ese é o escenario. Estamos convencidas de que podemos ter un Goberno progresista. O noso programa ten como base o feito para continuar polo camiño marcado e ampliar dereitos”, asevera Martínez.