David Regades (PSOE)

"Nas eleccións están en xogo os dereitos sociais e das mulleres e a diversidade"

David Regades Fernández é o número 1 do PSdeG ao Congreso por Pontevedra.
David Regades foi concelleiro en Vigo e presidente da Zona Franca. (Foto: Nós Diario)
photo_camera David Regades foi concelleiro en Vigo e presidente da Zona Franca. (Foto: Nós Diario)

—Esta é a súa primeira incursión política fóra de Vigo e Pontevedra, como deu o paso para encabezar a candidatura do Partido Socialista ao Congreso?
Estamos nun momento decisivo na política estatal, nestas eleccións hai moito en xogo. Están en xogo dereitos sociais, das mulleres, da diversidade e tamén a economía. Mentres, vemos pactos do PP con Vox, negacionismo  e contradicións coa reforma laboral. Ten que explicarllo ás persoas que mudaron contratos eventuais por indefinidos. Afrontamos a campaña con moita ilusión. Minuto a minuto da campaña recuperamos posicións. Cada vez as forzas de progreso teñen máis perto seguir gobernando.

—Os resultados do 28-M non foron bos, perderon a Deputación de Pontevedra e concellos, que ten que mudar o PSdeG para remar a favor de Sánchez nestas novas eleccións?
Na provincia de Pontevedra empatamos co PP, estamos a dous puntos e pouco. Tiñamos 21 Alcaldías, agora 19. A política ás veces é así, temos entre PSdeG e BNG 85.000 votos máis que o PP na provincia, respectamos as normas de xogo. Pero chama á atención que con 85.000 votos menos poidan ter a presidencia. Feixoo di o da lista máis votada só cando lle beneficia. Hai 4 anos en Ourense o PSdeG foi a primeira forza e non nos votaron. O que diga Feixoo, para min, non ten moita solvencia.

—¿Cales son as expectativas e obxectivos en Pontevedra?
O único que defende Galiza é o PSdeG. Cando Ana Pastor foi ministra, o investimento en Pontevedra foi cero. Paralizou a estación de Vigo, o AVE, as infraestruturas terrestres. Foi a ministra que menos orzamento executou da historia, só 20% no seu primeiro ano. O plan económico do tándem Sánchez-Nadia Calviño está tendo efectos: retemos a inflación debaixo do 3%, batemos récords de altas na seguridade social e reducimos as taxas de desemprego. Por iso o PP non quere falar de economía e Ana Pastor non quere debater.

—As enquisas falan da posibilidade dun pacto PP-Vox, que suporía para a Galiza?
Os recortes nos dereitos sociais. Son pai de dúas fillas e non soporto que se remate coas políticas de igualdade. Hai desigualdade entre homes e mulleres. As mulleres facendo o mesmo traballo cobran menos. Temos moito que avanzar aínda que eles digan que non. A violencia de xénero é un problema e non se pode dicir que é familiar porque non o é: é machismo. O único terrorismo que temos neste momento en España é o terrorismo machista e non podemos falar de eufemismos, como fai Vox, ou de divorcios duros, como di Feixoo.

Comentarios